"Derrótennos derrotando a enfermidade". Quen fala é Quique Costas, voceiro da plataforma galega de persoas afectadas pola Hepatite C, o colectivo que nos últimos meses lle veu poñendo voz, na rúa e nas institucións, á reclamación para que os cartos non pesen máis que os motivos humanitarios á hora de dispensar o medicamento que cura a súa enfermidade. Despois de que o propio presidente da Xunta os acusase de estaren "manipulados" por "algún deputado da oposición" centos destas persoas e as súas achegadas, así como a oposición en pleno, saíron este domingo ás rúas de Compostela para expoñeren de novo unha reivindicación sinxela: que para acceder aos fármacos non haxa "máis requisito que a prescrición polos correspondentes médicos especialistas".
"Non queremos morrer", clamaron baixo a chuvia os doentes mentres a escasos dous quilómetros, no Auditorio de Galicia, o PP celebraba a súa convención. "Eles non están aquí" e iso amosa a súa escasa "empatía", lamentou Costas ao remate da marcha, para quen unha forza política que ostenta o goberno "non pode ser tan irresponsable" como para desdeñar un colectivo que non "fala" doutra cousa que non sexa o "dereito a curar, a seguir vivindo. Boa mostra disto, explicita, é que hai persoas que xa ficaron polo camiño, que morreron mentres agardaban para seren tratadas.
A plataforma esixe que o tratamento se dispense sen "máis requisito que a prescrición polo médico"
"Rocío Mosquera, dimisión por embustera", "somos persoas, non somos números", "a hepatite mata, o Goberno non a trata", foron algúns dos lemas escoitados nunha mobilización sobre a que pairan as últimas decisións do Goberno central, nomeadamente do Ministerio de Sanidade, que vén de poñer en marcha un plan de ámbito estatal do que os doentes recean. Os gobernos central e galego seguirán sendo, en última instancia, din, un filtro para a súa reivindicación central: "medicación para todos" os que a necesiten.
Neste contexto, as indignación non se dirixe só contra as Administracións, senón tamén contra os laboratorios que esixen altos prezos polos tratamentos, o que a xuízo dos doentes os converte tamén en "asasinos". Así e todo, a plataforma ten claro que se os propietarios das patentes teiman en esixir altos custos e os gobernos non queren ou poden atopar outra solución debe primar o principio de que "a vida non ten prezo". Rajoy debe pensar, advirten, que "non só se mata premendo unha pistola". "Onde están, que non se ven, os provida do PP?", pregúntanse.