Entidades médicas salientan as "motivacións persoais e ideolóxicas" do frustrado nomeamento no Servizo de Psiquiatría do CHOP

Hospital de Pontevedra © Aidhos Arquitectura

O pasado 5 de decembro o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra anulou o proceso do SERGAS para adxudicar a xefatura do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), dándolle a razón no seu recurso ao médico Víctor Pedreira Crespo -xefe do Servizo entre 1982 e 2012-, que entendía que existira "parcialidade" e un "plan preconcibido" para situar persoal afín nese posto. O nomeamento completouse en 2013. Nun comezo a denuncia fora arquivada, o pasado mes de maio, pero finalmente o tribunal entendeu "vulnerados os principios que rexen o procedemento, de igualdade, mérito e capacidade, pola actuación da comisión de avaliación". O ditame ordena a retroacción das actuacións e que se designe unha nova Comisión de Avaliación (da que non poderán formar parte ningún dos membros da anterior) para que esta fixe a puntuación respectando "os principios constitucionais".

A sentenza entendía que existira "parcialidade" e un "plan preconcibido" para situar persoal afín nese posto

Nas últimas semanas varios sindicatos médicos e entidades profesionais reaccionaron a esta sentenza, subliñando as eivas do proceso e as "motivacións persoais e ideolóxicas" do frustrado nomeamento no Servizo de Psiquiatría do CHOP, tamén sinaladas pola Xustiza.

A Asociación Galega de Saúde Mental (AGSM) considera que "tanto o tribunal do concurso-oposición como a xerencia do CHOP incorreron en algo que debe seren valorado como quizais o máis deplorábel no exercicio das funcións que se lle outorgan", sinalando que "a posición de convocar, avaliar e decidir implica que se lle concede pola cidadanía un poder especial que afecta tanto ás vidas dos empregados que concorren a un posto de traballo como tamén unha decisión chave ao redor dos proxectos que rexerán un sistema público de atención á saúde das persoas, como é o servizo de psiquiatría dun área sanitaria".

A AGSM critica a resposta do SERGAS: "Responsabilidade, cero. Pudor, cero. Explicacións, cero. Preocupación, cero. Unha vez máis, falando dende eles e non dende a condición de representantes da administración pública"

A AGSM conclúe que "as motivacións persoais, políticas e ideolóxicas semellan claras nesta irregularidade sobre da que a xuíz ditaminou sentenza. Levamos anos nos que contratacións, substitucións, gardas, interinidades non manteñen rigor e, nalgunhas ocasións, nin sequera un mínimo pudor. Son as cousas do día a día, dos traballadores do común que seguramente vexan nesta sentenza o que moitos deles padeceron e padecen: favoritismos, endogamias, discrecionalidade...". A entidade critica tamén a resposta da administración: "Responsabilidade, cero. Pudor, cero. Explicacións, cero. Preocupación, cero. Unha vez máis, a posición ocupada é de carácter puramente persoal falando dende eles e non dende a condición de representantes da administración pública. Novamente o instrumento de poder enchendo o caso, as reaccións e as declaracións aos medios de comunicación".

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública pide que o proceso se faga "baixo unha completa tutela xudicial en evitación dun probable nova fraude de lei"

Sobre a sentenza tamén realizou valoracións o sindicato CESM, e a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, que nun comunicado destacou que "resulta escandaloso que teña que procederse ao nomeamento dunha cuarta Comisión de Avaliación por non axustarse a dereito tanto a composición como a actuación dos tres Tribunais nomeados ata agora". A entidade pide que o proceso para a provisión da praza de xefe do servizo de Psiquiatría do CHOP se faga "baixo unha completa tutela xudicial en evitación dun probable nova fraude de lei que condicionaría unha nova denuncia que faría interminable este lamentable proceso".

 

Hospital de Pontevedra © Aidhos Arquitectura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.