"Poca respuesta tuvo la convocatoria de Martiño, bien acogida por los pies negros", "se encontró con la algarabía de muchos de los indigentes que campan a sus anchas por el Toural o Cervantes". O pasado luns El Correo Gallego publicou unha crónica sobre unha chocolatada gratuíta organizada polo Concello de Santiago. Na noticia, escrita co ánimo de criticar a iniciativa, destacábase que a ela acudira un grupo de persoas sen fogar, que son obxecto habitualmente doutras informacións publicadas por este xornal.
O tratamento que a nova, que xa non se pode consultar na web (pero si na captura da versión en caché realizada por Google), lles dá a estas persoas espertou de inmediato numerosas críticas. Tamén entre as entidades de traballo social. O Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) difundiu un comunicado no que denuncia "o tratamento informativo que estes días o xornal El Correo Gallego prodigou ás persoas que viven sen fogar na cidade de Santiago de Compostela". O Colexio sinala que na nova se lle dá a este colectivo social un trato "absolutamente degradante e inaceptábel a toda persoa que se encontre nesa lamentábel situación".
O Colexio de Educadores/as Sociais sinala que na nova se lle dá a este colectivo social un trato "absolutamente degradante e inaceptábel a toda persoa que se encontre nesa lamentábel situación"
O Ceesg destaca que "desde o noso coñecemento e práctica profesional sabemos do enorme dano que ese tipo de alusións provocan a nivel de estereotipos que dificultan calquera proceso de inclusión social, que ademais se producen nun medio de comunicación cunha notábel proxección pública". Solicítalle ademais a El Correo "unha rectificación pública que repare o dano infrinxido" e que o xornal se comprometa "co aconsellado nos manuais de estilo xornalístico promovidos pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN)". A entidade destaca que El Correo Gallego debería trasladar este compromiso "sen máis demora ás noticias das que se vén facendo eco estas semanas con motivo das denuncias que se veñen promovendo na cidade compostelá contra algún grupo deste colectivo de persoas sen teito".
A Coordinadora Galega de ONGD acusa a cabeceira de "falta de ética xornalística"
Tamén chegan as críticas dende a Coordinadora Galega de ONGD, que nas redes sociais subliñou que nesta nova "El Correo Gallego deixa en evidencia, unha vez máis, a súa falta de ética xornalística". A entidade, que agrupa un total de 43 organizacións galegas, destaca que "respectar os dereitos das persoas é unha obriga, non unha escolla. Defendelos, a responsabilidade dunha cidadanía responsable e crítica".