Entregan 400 sinaturas en Rois contra o cobro do canon da auga aos pozos rurais

A ex secretaria xeral do SLG, Carme Freire, en Rois o pasado mes de febreiro © SLG

"Quérennos cobrar por vivir", así resume Celsa, do Sindicato Labrego Galego (SLG), a tendencia que a Lei de Augas, aprobada hai máis de ano e medio, parece confirmar na súa aplicación. A pesar de que o propio conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, prometera en febreiro de 2011 no Parlamento que o canon da auga non se cobrarína aos pozos rurais e traídas veciñais, un núcleo rural de Rois recibiu hai uns meses unha denuncia de Augas de Galicia notificándolles un cobro de 499’02 € en concepto de canon da auga correspondente ao período que vai dende a aprobación da Lei de Augas (decembro de 2010) até o 30 de agosto de 2011.

Entregáronse no Concello ao redor de 400 sinaturas, que piden que non se cobre o canon a este tipo de instalacións -como prometera o conselleiro-

Por este motivo en febreiro o SLG iniciou en Rois unha campaña de información e de recollida de sinauturas, para que todos os veciños que puidesen estar nesta situación fosen conscientes dela. Este sábado entregáronse no Concello ao redor de 400 sinaturas de veciños e veciñas, que piden que non se cobre o canon a este tipo de instalacións -como prometera o conselleiro-, que se derrogue a lei e que non se cobre "a auga para o uso diario e para a produción de alimentos".

O pasado 31 de maio, o Consello da Xunta aprobaba definitivamente o canon da auga coa promesa de que non se lle cobraría ás traídas particulares. Mais os cobros feitos en Rois demostran o contrario. Ademais, o artigo 45º.1 da Lei de Augas di: "Constitúe o feito impoñible do canon da auga o uso ou o consumo real ou potencial da auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación".

A campaña quere recoller as sinaturas e os apoios, que se irán entregando sucesivamente nos Concellos, "para que os propios alcaldes sexan os que se pronuncien en contra da lei"

Celsa afirma que a campaña do sindicato está destinada a informar, principalmente, pois "aínda hai moita desinformación" e "a xente, cando lle chega unha carta deste tipo, pensa que lle están cobrando o trámite de legalización, pero estanlle cobrando ese atraso de meses dende que se aprobou a lei". Celsa engade que grazas a esta campaña "vanse coñecendo aos poucos máis casos en toda Galicia". Pero a campaña quere recoller as sinaturas e os apoios, que se irán entregando sucesivamente nos Concellos, "para que os propios alcaldes sexan os que se pronuncien en contra da lei". Os Concellos están obrigados a cobrar o canon, por lei, "así que pedimos e apoiamos que fagan ese pronunciamento", di Celsa.

 

Esquerda Unida denuncia "a mercantilización dun ben público universal"

EU denuncia que están "suxeitas ao pagamento do canon da auga todas as persoas polo feito de consumir auga aínda que sexa mediante captación comunal, pozo ou auga da chuvia. É dicir, polo feito de estar vivas

Tamén Esquerda Unida – Os Verdes manifestou a súa oposición ao canon da auga, pois ainda que está "de acordo en que se deben implementar medidas de cara a unha maior racionalización no consumo da auga que evite o seu malgasto", consideran que "unha cantidade mínima de auga debería estar garantida a todas as persoas e non suxeita a ningún tipo de cobro".

EU denuncia ademais que están "suxeitas ao pagamento do canon da auga todas as persoas polo feito de consumir auga aínda que sexa mediante captación comunal, pozo ou auga da chuvia. É dicir, polo feito de estar vivas. Non se garante unha cantidade mínima exenta de pago, de onde se deduce o carácter unicamente recadatorio desta Lei". Polo tanto, a formación esquerdista afirma que a lei supón "a mercantilización dun ben público universal como é a auga".

A ex secretaria xeral do SLG, Carme Freire, en Rois o pasado mes de febreiro © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.