EsCULcA insta o Valedor a dimitir por "intervención parcial" no caso das fotografias de Feijóo

O Valedor, nun acto público recente © Xunta

O 8 de abril EsCULcA envioulle un escrito a José Julio Fernández no que o insta a presentar a renunciar ao seu cargo de Valedor do Pobo “co fin de salvagardar ao prestixio da institución”, despois de ter, ao seu xuízo, "tomado publicamente partido no escándalo suscitado pola publicación de fotografias que relacionan o Sr. Feijóo cun narcotraficante actualmente en prisión". “Como comisionado do Parlamento”, lembra EsCULcA no escrito, o Valedor “debe  manter unha escrupulosa imparcialidade, sen amosar apoios públicos a Administración, Partidos ou Grupos Parlamentarios” (Lei 6/1984 , art. 1), sendo "incompatíbel o exercicio do cargo co calquera actividade de propaganda politica (art.7)".

"O señor Fernández comprometeu gravemente a súa obrigada imparcialidade institucional"

No entanto, segundo a entidade, "o señor Fernández comprometeu gravemente a súa obrigada imparcialidade institucional ao sinalar, como Valedor, que determinadas imaxes fotográficas publicadas do Sr. Presidente da Xunta de Galiza, que centran o debate partidario nestas datas, carecen de interese informativo, o que só pode ser interpretado como  unha mostra de apoio a unha opción política concreta, dado que o Valedor non limitou a súa opinión a unha consideración teórica dos límites entre o dereito a liberdade de información e dereito á intimidade, senón que elaborou conclusións sobre o asunto concreto".

Esta "intromisión no debate público" contrasta no parecer de EsCULcA co "silencio do propio Valedor  acerca de asuntos de público coñecemento, que afectaban a súa competencia de comisionado de defensa dos dereitos fundamentais e non compremetían a súa imparcialiade institucional". Denuncian que “non consta que o señor Valedor se teña manifestado acerca da grave situación da presa galega dona Noelia Cotelo ou acerca das queixas de familias de presos sobre a dispersión penitenciaria ou acerca da ausencia de identifcación dos policías das U.I.Ps,  por citar varios  temas graves de debate na nosa sociedade  que afectan os dereitos en cuestión”, sublíñase.

Esta "intromisión no debate público" contrasta no parecer de EsCULcA co "silencio do propio Valedor  acerca de asuntos de público coñecemento, que afectaban a súa competencia de comisionado de defensa dereitos fundamentais"

Tampouco ten constancia EsCULcA de declaracións do Valedor "acerca dos múltiplos relatorios remitidos polo noso Observatorio en que se denuncian vulneracións de dereitos fundamentais e liberdades públicas". EsCULcA entende que moitos destes asuntos afectan a administracións alleas á autonómica, pero afirma que "cómpre lembrar que o Valedor ten competencias para dar traslado dos feitos con actuacións e criterio ao Defensor del Pueblo e que, en todo caso, como Comisionado do Parlamento, sempre poderia ter amosado públicamente a sua posición nos medios de comunicación, como fixo de xeito solícito no caso das fotografías".

O Valedor, nun acto público recente © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.