España rexeita demandar a Noruega ante o TEDH polos mariñeiros galegos sen pensión

Membros de Long Hope, xunto a Carril en Madrid © Long Hope

España non demandará finalmente a Noruega ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos polo caso dos mariñeiros -na súa maioría galegos- que traballaron durante anos en buques noruegos e que non reciben prestación social ningunha malia ter pagado impostos naquel país. Así llo manifestaron autoridades da Secretaría de Estado para a UE á delegación que os agrupa (Long Hope).

O Estado dubida dunha hipotética demanda polos escasos precedentes de denuncias entre países

Os representantes do Estado recoñecen que hai base para denunciar a Noruega, pero dubidan do futuro dunha hipotética demanda polos escasos precedentes de preitos interestatais no Tribunal de Estrasburgo. Non recomendan seguir esa vía, malia que nesta xuntanza do pasado martes os mariños estiveron acompañados do xurista e voceiro do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, un dos maiores expertos no réxime laboral especial no mar. O seu informe sobre a situación dos mariñeiros en Noruega ratifica a posición de Long Hope. Alí aclárase a coincidencia coa demanda dos mariñeiros e mesmo coa Comisión Europea, sinalando a inxustiza social de non ter cobrado a pensión ao non ter en conta Noruega que os buques onde traballaban non son máis que un cacho de terra do pavillón cuxa bandeira leve. Xa que logo, o Estado gañaría a demanda se acude ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) -tal e como lle reclaman-, unha demanda que tamén se podería presentar de maneira particular.

España insta os mariñeiros a que acusan á xustiza de Noruega e despois ao Tribunal de Dereitos Humanos

De feito, iso é o que recomendan os xuristas do Estado, que instan os mariñeiros a que acudan á xustiza norueguesa para reclamar os seus dereitos e que, unha vez esgotada esta vía, leven o país nórdico ante o Tribunal de Dereitos Humanos, no que aseguran que terían o apoio de España. O Executivo español si que asegura que presentará unha cuesitón prexudicial no Tribunal de Xustiza da UE, coa que pediron unha vista oral na que defenderá cos seus argumentos uha cuesitón semellante que afecta aos ex mariños da mercante de Noruega pero na que Holanda é a demandada e que podería supor un procedente para aplicar no caso dos galegos. 

Xa a comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, ratificara a AGEe a conveniencia de que España e Noruega chegasen a un acordo a través de acordos bilaterais para arranxar o problema. Pero ao tempo, puxera en coñecemento da eurodeputada galega Lidia Senra "un caso semellante", o dos mariñeiros austríacos que traballaron en buques holandeses antes de que Austria se adherise á UE, recentemente presentado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, indicándolle expresamente que "se o Tribunal falla en favor dos demandantes, isto sería de grande interese para os mariñeiros do Estado que traballaban en navíos noruegueses", e comprometéndose a mantela "informada sobre o desenvolvemento relativo a este caso".

Membros de Long Hope, xunto a Carril en Madrid © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.