Espinosa, Vilanova e Marginedas gañan o décimo Premio José Couso

Lectura do fallo do X Premio José Couso CC-BY-SA M. Pereira

Os xornalistas Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas, secuestrados en Siria e recentemente liberados, veñen de ser galardonados coa X edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social La Caixa.

Os tres premiados, cuxa candidatura conxunta foi a máis votada entre outras catro, foron premiados en recoñecemento "ao seu traballo e ao difícil labor de informar netes momentos en Siria". O galardón conta cunha maneción especial a Ricardo García Vilanova, polo seu traballo como reporteiro freelance "sen ter a cobertura dun gran medio detrás". Precisamente, Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio do Xornalistas, destacou que o recoñecemento a estes tres xornalistas ten se cadra máis que ver co mérito de traballar "nunhas condicións cada vez máis precarias" nas que realizan o seu labor, máis aló dos dramáticos secuestros que sufriron.

"O noso tan só foi un accidente de traballo", di Marc Marginedas respecto do secuestro que sufriron

"O noso tan só foi un accidente de traballo", asegurou Marc Marginedas durante a conversa telefónica que premiados e xornalistas mantiveron pouco despois de se coñecer o seu galardón e tras asegurar que no xornalismo "hai que asumir riscos" pero que "é o mellor traballo do mundo". "Nós tivemos sorte; as verdadeiras vítimas e as que deberían ser recoñecidas son os millóns de sirios que seguen a sufrir as consecuencias da guerra", engadiu Javier Espinosa, que coincidiu con Ricardo García Vilanova á hora de destacar a importancia de "estar no sitio para contar as cousas".

"Traballar como 'freelance' é cada vez máis complicado", asegurou García Vilanova

Precisamente, o labor de García Vilanova foi destacado especialmente polo feito de non contar coa cobertura dun medio e de traballar como freelance, cuxo labor "é cada vez máis complicado", non só polas propias dificultades das zonas en conflito, senón pola precariedade. "Se vas a un lugar e non consegues difundir o que ves, o traballo non ten sentido", reivindicou Ricardo.

Todos eles deron as grazas polo premio e repararon no feito de que cada vez máis empresas xornalísticas recortan en gastos, limitando a súa cobertura dos grandes conflitos á contratación de reporteiros freelance que, na maioría das ocasións, cobran moi pouco ou incluso teñen que pelexar para percibir o pago acordado co medio de comunicación, tal e como lle ocorre a Ricardo García Vilanova, que segue é espera de percibir os cartos. "Iso é un desastre para o xornalismo", denunciaron, tras exemplificar con datos a situación que se dá nalgunhas guerras. "Ofrécenche 100 euros por unha reportaxe, pero ter  unha escolta cústache 200 euros ao día". Ademais, tamén criticaron o "intrusismo", que chega a provocar que sexa xente con Iphone e non fotógrafos profesionais os que acheguen as imaxes.

"Páganche 100 euros por unha reportaxe, pero ter escolta cústache 200 euros ao día"

"No fondo, tamén é culpa nosa, dos fotoxornalistas, por ter aceptado tan baixos prezos e tales condicións", remataron os premiados, que foron os máis votados entre o resto de candidatos: Edwy Plenel e o xornal francés Mediapart; a mexicana Lydia Cacho; o diario The Guardian e o xornal dixital ElDiario.es, do que se destacou por ser "exemplo dun novo renacer da profesión xornalística a través da Rede".

No anuncio dos gañadores, os organizadores do premio amosaron o seu apoio á familia de José Couso polas "dificultades" que teñen para recibir xustiza, ao tempo que se destacou o labor do xuíz Pedraz "tras a reforma lexislativa do Goberno que restrinxe de forma vergonzante a xustiza universal".

Nas nove edicións anteriores, foron premiados Ali Lmrabet, Le Monde Diplomatique, Jon Lee Anderson, Rosa María Calaf, José Vidal Benyto, Daniel Anido e Rodolfo Irago (Cadena Ser), Wikileaks, o Consello de Informativos de RTVE e Mónica García Prieto. O acto de entrega do X Premio José Couso de Liberdade de Prensa celebraranse o próximo 30 de abril en Ferrol e a el acudirán os tres xornalistas premiados.

Espinosa, Vilanova e Marginedas Dominio Público Praza Pública
Lectura do fallo do X Premio José Couso CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.