"Esquecemos que o periodismo é un compromiso, unha alianza cos cidadáns"

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País

Con motivo do Día Mundial da Liberdade de Prensa, que se celebra este 3 de maio, o Colexio de Xornalistas de Galicia difundiu un manifesto, redactado por Fernando Varela redactor xefe de infoLibre e membro fundador do CPXG. O texto, titulado "O xornalismo é demasiado importante como para deixalo en mans dos medios", que alerta do "tsunami devastador está a arrasar o xornalismo, polo menos o xornalismo que coñeciamos". 

Varela recoñece que aínda que este tsunami ten en parte a súa orixe na crise económica e na popularización de Internet, "cuns medios que construíron a súa economía de costas ás audiencias e por riba empezaron a regalar o noso traballo", a crise e Internet "non son, nin moito menos, os únicos culpables do que pasou". E subliña que "para nós o máis doado é botarlle a culpa á crise e a Internet mentres lambemos as feridas e nos convencemos de que calquera tempo pasado foi mellor".

"Polo camiño esquecemos que o periodismo é demasiado importante como para deixalo en mans dos xornais. Esquecemos que o periodismo, máis alá do oficio e da técnica, máis alá do exercicio literario, é un compromiso, unha alianza cos cidadáns"

Sinala a responsabilidade das empresas e dos seus propietarios e xestores: "como asalariados, gústanos pensar que a culpa é das empresas, incapaces de xestionar a crise, dispostas a entregarse en mans dos bancos e a abrazar os intereses creados da economía e a política, suicidas na súa forma de enfocar a globalización informativa da Rede", pero inmediatamente vai máis aló e fai autocrítica: "Polo camiño esquecemos que o periodismo é demasiado importante como para deixalo en mans dos xornais. Que a información é demasiado importante como para que a xestionen os propietarios das emisoras de televisión e os donos das radios. Esquecemos que o periodismo, máis alá do oficio e da técnica, máis alá do exercicio literario, é un compromiso, unha alianza cos cidadáns, un elemento central da democracia real. Un alicerce indispensable para a construción de sociedades libres. Perdemos o fío, pasamos de ser a blindaxe fronte á demagoxia a aliados do establishment, prisioneiros da axenda dos poderosos. Pechamos os ollos á perversión do noso traballo. Convertémonos en empregados e asumimos que a responsabilidade era doutros cando en realidade é nosa".

"É hora de rebelarse contra os que se empeñan en marcarnos a axenda. É hora de deixar de ser gregarios e repetir todos a coro os mesmos titulares"

"Asumámolo: somos culpables do que nos pasa", conclúe. "Só se o facemos, se nos armamos de humildade, se redescubrimos as nosas orixes, se recordamos a razón de existir do periodismo, se buscamos a luz dos que nos precederon na pelexa por construír sociedades xustas e ilustradas, só entón teremos unha oportunidade. É hora de rebelarse contra os que se empeñan en marcarnos a axenda. É hora de deixar de ser gregarios e repetir todos a coro os mesmos titulares. É hora de retecer complicidades cos cidadáns, os únicos aos que debemos fidelidade e servizo. É hora de devolver o xornalismo ao corazón da democracia, de recordar que só así construiremos sociedades libres", subliña.

"Que non vos enganen dicindo que o periodismo morreu. O que está a morrer é unha forma de facelo e é hora, por certo, de que o faga"

"Que non vos enganen dicindo que o periodismo morreu" -di- "O que está a morrer é unha forma de facelo e é hora, por certo, de que o faga. De que o enterremos con dignidade pero sen unha bágoa. Dunha vez". "É hora de que morra a vergoña do periodismo ao servizo dos poderosos. É hora de arrepor o periodismo de clic, ese que sacrifica os contidos relevantes no altar da banalización, que relega o transcendente para dar todo o espazo ao popular. A que dá prioridade ao superficial sobre o que resiste o paso do tempo, á última hora sobre o contexto, ao escándalo sobre a explicación, ao pensamento prefabricado sobre as zonas grises da realidade", proclama.

"Dalgún modo tamén nos encarceran en España cando nos perseguen por gravar a violencia policial, cando nos forzan a calar a identidade dos bancos que botan a xente á rúa, cando nos emprazan a elixir entre o salario e a verdade"

Varela fai un chamamento a "reiventarnos" a "achar a forma de manternos fieis ao que fomos, dignos da memoria do periodismo que nos fixo xornalistas". "E iso non depende da tecnoloxía, depende da nosa capacidade de non perder de vista o sentido da nosa tarefa, a natureza da nosa misión", di. "Mátannos en Somalia e en Iraq. Fannos prisioneiros en Exipto, en China ou en Rusia. Pero dalgún modo tamén nos encarceran en España cando nos perseguen por gravar a violencia policial, cando nos forzan a calar a identidade dos bancos que botan a xente á rúa, cando nos emprazan a elixir entre o salario e a verdade, cando pretenden que non podamos dar conta dos sumarios da corrupción. E se non dubidamos fronte á violencia, máis aínda debemos defendernos ante a iniquidade dos que mercantilizan o noso labor, os que nos prefiren dóciles, frívolos e falangueiros porque esqueceron que o noso deber non ten nada que ver coas contas de resultados nin coa perpetuación da orde establecida", engade

"Colguemos o teléfono ás fontes interesadas e chamemos os que non teñen voz. Temos que reencontrar aquilo que merece ser contado, os feitos que nos transforman, os asuntos que marcan a diferenza, que nos fan mellores cidadáns e mellores persoas

"Rebelémonos. Miremos ao noso arredor" conclúe- "Colguemos o teléfono ás fontes interesadas e chamemos os que non teñen voz. Temos que reencontrar aquilo que merece ser contado, os feitos que nos transforman, os asuntos que marcan a diferenza, que nos fan mellores cidadáns e mellores persoas. Por nós, pero sobre todo polos que non teñen outra oportunidade, polos que doutro modo están condenados a permanecer invisibles". E pecha o seu texto citando a Albert Camus: "a liberdade non é nada máis que unha oportunidade para ser mellor". "Son só doce palabras, pero encerran a razón de ser do periodismo. Fagámolas realidade", di.

 

Mobilización contra a precariedade e polo dereito á información

De igual xeito, a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP) realizou un chamamento aos traballadores da comunicación para mobilizarse o 1 e 3 de maio contra a precariedade no sector e polo dereito á información. Denuncia o concurso para novas licenzas de TD porque está feito á medida dos grandes grupos e reforza o bipartidismo mediático.

A FsSP denuncia o concurso para novas licenzas de TD porque está feito á medida dos grandes grupos e reforza o bipartidismo mediático

No seu comunicado, os sindicatos alertan "dos despidos masivos, da escandalosa precariedade no traballo e do peche de medios de comunicación", ademais "do ataque á liberdade de expresión e información que supón a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá -coñecida como Lei Mordaza-". Así mesmo, denuncian o novo paso dado polo Goberno a favor da concentración de medios: "convocou un concurso público para adxudicar seis novas licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TCT) en aberto e de cobertura estatal ao que, presumiblemente, só poderán presentarse os grandes grupos audiovisuais que xa acaparan a maioría das canles".

A FeSP considera que o 1 e o 3 de maio "son dúas caras da mesma moeda" pois "uns traballadores precarizados non poden garantir unha maior calidade da información"

Igualmente, lembran que o Goberno "segue sen aprobar a súa materia pendente de regular legalmente a profesión xornalística e elaborar unha Lei de Dereitos Laborais dos Xornalistas, o que segue provocando que o colectivo máis desfavorecido do sector, os xornalistas á peza, sigan pagando con maior dureza os efectos da crise".

Por estas razóns, a FeSP considera que o 1 e o 3 de maio "son dúas caras da mesma moeda" pois "uns traballadores precarizados non poden garantir unha maior calidade da información". Por iso convocan os profesionais da información a participar nas mobilizacións e actos convocados para celebrar o Día Internacional dos Traballadores e o Día Mundial da Liberdade de Prensa.

Redacción central de El País CC-BY-SA Comité de Empresa El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.