Europa avalía a situación do galego obviando a visión dos técnicos de normalización

Asemblea xeral da CTNL © CTNL

O comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias, organismo dependente do Consello de Europa, reúnese este luns en Compostela con diversas entidades do país para examinar o grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias con respecto ao galego entre 2010 e 2013. E farao con eivas e "sen ter en conta o coñecemento, a visión nin a opinión dos técnicos que traballan no día a día do proceso de normalización en Galicia".

Tal e como denuncia a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), o comité de expertos -que conta co galego Fernando Ramallo- non convocou desta vez os representantes destes técnicos, ao contrario que noutras avaliacións anteriores, malia que si solicitou xuntanza e pediu información con varias entidades públicas e colectivos sociais que velan pola defensa e promoción da lingua. Tampouco se contou desta vez coa Coordinadora de Equipos de Normalización de Dinamización Lingüística (CGENDL), que agrupa os equipos de máis de 450 centros escolares de toda Galicia, e que fixo xestións para estar na avaliación, tal e como conseguira noutros anos. "Desta vez non fomos chamados", confirma un dos seus voceiros.

O comité de expertos non convocaron nin os traballadores de normalización nin os centros de normalización dos centros escolares

Será "unha análise parcial", asegura Nel Vidal, presidente da CTNL, que cre "preocupante", que non fosen convocados uns profesionais que son "persoas expertas que coñecen moi ben a situación sociolingüística do día a día e de primeira man desde un punto de vista técnico". "É un erro que empobrece o informe do comité de expertos, pois ao ser a Coordinadora unha entidade que reúne as persoas que no día a día traballan en normalización lingüística desde diversas entidades, ámbitos e zonas, poderiamos achegar datos, información e opinións valiosas para que ese informe fose o máis completo e obxectivo posible".

"O informe será incompleto e partirá dunha análise parcial", quéixase a CTNL

"Os motivos non os sei, pero si sei as consecuencias: vai faltar información e o informe pode ser moito máis incompleto ao faltar a visión dunha das partes importantes", engade a Praza Nel Vidal, que aclara que "a visión dos técnicos complementa a información, visión e opinión desas outras entidades convocadas". "Somos quen xestionamos o proceso de normalización no día a día en entidades como concellos ou universidades, en ámbitos como a administración ou empresas, e xestionando accións de formación, de dinamización ou de asesoramento e que, polo tanto, coñecemos moi ben a situación, os problemas concretos ou as cousas que hai que mellorar nas diversas zonas do país e nos diversos sectores e ámbitos sociais", asegura tras unha decisión que é difícil de entender tendo en conta o amplo coñecemento que da situación sociolingüística do país ten a CTNL ou a CGENDL no caso específico do ensino.

"Supoño que non queren saber a nosa versión, que é a da xente que está a pé de obra, no día a día da situación do galego", engade Miguel Louzao, da CGENDL, que entende que o comité de expertos sabe que a súa visión "non coincide para nada coa que se dá desde a Administración".

"Somos quen xestionamos o proceso de normalización no día a día e coñecemos moi ben a situación"

Ademais, a CTNL tamén se queixa da "parcialidade" do apartado sobre o galego do informe previo que elaborou o Estado sobre a situación lingüística de Galicia, onde "o goberno non recoñece practicamente ningún problema e pinta unha situación case ideal, moi afastada da realidade". "Xusto por ese motivo sería aínda máis importante que o comité contase co coñecemento real da situación que pode achegar a Coordinadora", insiste Nel, que lembra que o informe derivado non é vinculante, pero si a Carta Europea, "que é ten rango de lei e se ten que cumprir".  "Di, por pór un exemplo, que todos os nenos e nenas teñen o dereito a recibir o ensino no seu idioma pero os informes ano tras ano louvan a política lingüística de Cataluña e Euskadi nese ámbito e danlle toques á Xunta; aquí, en lugar de avanar, retrocedemos", explica.  de cata e eusk e danlle toques á Xunta, que en vez de avanzar, aínda drecúa. Hai moitos exemplos máis.

"A situación desde o último e crítico infome aínda foi a peor, pois a acción da Xunta con respecto ao galego é de desleixo e desprotección total, polo que os incumprimentos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias non deixan de incrementar no ensino, na administración, na xustiza...", remata.

Asemblea xeral da CTNL © CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.