Europa Laica denuncia o mantemento de celebracións relixiosas nas universidades galegas

Celebración de Santo Tomé de Aquino organizada pola USC o pasado ano © USC

As universidades celebran este luns o seu patrón, Santo Tomé de Aquino (trasladada dende o martes 28), unha festividade que nalgúns centros se denomina Día da Universidade, pero que mesmo así non perde a súa relación co santoral e a tradición católica. A sección galega de Europa Laica denuncia esta situación nunha carta aberta dirixida aos reitores das tres universidades galegas, criticando que se  renda "culto a un santo da Igrexa Católica Apostólica e Romana", do mesmo xeito "que -con moi contadas excepcións- cada un dos centros -facultades e escolas-, celebra o seu particular día baixo a forma de día do patrón”.

As tres universidades celebran actos este día, cunha referencia máis ou menos directa ao santo, e con distintos formatos e postas en escena

As tres universidades celebran actos este día, cunha referencia máis ou menos directa ao santo, e con distintos formatos e postas en escena. Así, a USC celebra en Lugo o seu "acto académico con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón das universidades", unha "solemne cerimonia académica" aberta coa interpretación do himno Veni Creator, un texto que invoca a presenza do Espírito Santo. A UDC celebra tamén a partir das 12 "o Día da Universidade con motivo da festividade de San Tomé de Aquino", o mesmo que a Uvigo realiza o seu "acto académico da festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade".

Europa Laica denuncia que “con toda naturalidade nas universidades séguense celebrando as festividades dos centros baixo forma relixiosa” e sinala que "chama a escándalo que cando están a punto de cumprirse 40 anos da morte do ditador as universidades continúen sumisas ao nacional-catolicismo” e insta os reitores "a que poñan definitivo remedio a este oprobio", de maneira que "de aquí en diante todas as celebracións universitarias teñan un estrito carácter civil e se elimine das mesmas toda referencia relixiosa", cumprindo co recollido na Constitución, que declara España como un Estado "aconfesional".

Neste senso, Rafael Martínez, decano da Facultade de Filosofía da USC, destaca que “non ten nada de natural que unha organización civil, e moito menos a Universidade celebre unha festividade relixiosa suxeita a unha determinada tradición” e lembra que “a relixión debe ser practicada no ámbito privado”. Martínez afirma que “queremos traer ao primeiro plano o laicismo, como un asunto de reflexión, pois o laicismo non é un movemento reactivo, debe ser un exercicio permanente”. “A tradición lévanos a naturalizar determinadas cousas que non teñen nada de natural, como pasa co machismo. A tradición non ten forza xustificadora, a tradición explica as cousas pero non as xustifica. O mesmo que co machismo, unha persoa machista non esperta un día e deixa de selo, senón que ten que ir reeducándose cada día. Co tema da relixión pasa o mesmo", conclúe.

“O máis irritante de todas estas cuestións é que non hai máis que traducir a Constitución: España é un país aconfesional, e como tal é completamente inaceptable que institucións civís, que son de todos e todas, estean celebrando actos relixiosos, nunha caste de subordinación”

“O máis irritante de todas estas cuestións é que non hai máis que traducir a Constitución: España é un país aconfesional, e como tal é completamente inaceptable que institucións civís, que son de todos e todas, estean celebrando actos relixiosos, nunha caste de subordinación”, di Rafael Martínez, que engade que “aquí fanse cousas coma a ofrenda ao Apóstolo, lembro hai catro ou cinco anos mesmo políticos do bipartito, representantes de partidos de esquerda, ofrecéndose ante o bispo..., iso non é aceptable.

Europa Laica considera importante abrir este debate e facer esta reivindicación nun momento no que "a Igrexa Católica exhibe con descaro o seu poder para impor leis que reforzan os seus privillexios e coutan os dereitos da cidadanía" e subliña que "resulta particularmente escandalosa a sumisión das universidades públicas á organización que máis ten combatido a ciencia e o desenvolvemento do saber en España, unha das forzas maximamente responsables do atraso democrático, científico e económico de España". Rafael Martínez incide nesta cuestión e considera "moi necesario" abrir o debate, "sobre todo nun momento no que hai unha presión por parte da igrexa e dos sectores clericais, nun esforzo por tomar posicións, no aborto ou no ensino”.

Rafael Martínez considera "moi necesario" abrir o debate, "sobre todo nun momento no que hai unha presión por parte da igrexa e dos sectores clericais, nun esforzo por tomar posicións, no aborto ou no ensino”

“A situación no ensino é tremenda, coa entrada da LOMCE”, di o decano de Filosofía, "nun contexto de recortes, con menos prazas docentes, os profesores de relixión están intocados, non se quita ningún, uns mestres ademais que son pseudoprofesores, pois os nomea o bispo". "É doado denunciar isto, porque é moi simbólico e moi rechamante, pero o poder interno da Igrexa na universidade é moi importante”, engade.

A carta aberta de Europa Laica péchase afirmando que "a Universidade é constitutivamente laica (laikós = aquel/a que é do pobo) e como tal non pode deixar de afirmar a soberanía da razón e autonomía moral non só fronte a toda forma de crenza ou doutrina relixiosa, senón tamén fronte á tradición”.

Celebración de Santo Tomé de Aquino organizada pola USC o pasado ano © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.