Exclusión de axudas a nenos con necesidades especiais ou un intento por "segregalos"?

Un neno, nunha actividade de Down Compostela © Down Galicia

Foi un neno quen, aproveitando este martes a visita dos reis de España ao inicio do curso escolar en Pereiro de Aguiar, entregoulle unha carta á raíña Letizia. No texto explicáballe os problemas que están a sufrir os rapaces con necesidades especiais e aos que a Xunta lles vén de retirar axudas escolares. A convocatoria deste ano para o programa Gratuidade Solidaria -que subvenciona a compra de libros para alumnos de primaria, secundaria e educación especial- queda limitada en exclusividade a "libros de texto". Ata o de agora, as familias con fillos con síndrome de Down empregaban estas subvencións para o material específico que eles deben utilizar e que agora queda exento das axudas.

O programa Gratuidade Solidaria exclúe este ano o material dos nenos con necesidades especiais e só abrangue os libros de texto

Tan só hai unha excepción para que estes nenos si reciban axuda para o seu material escolar en calquera colexio público: no caso de que o alumno ou alumna teña recoñecido un grao de discapacidade do 65% ou máis, algo que é minoritario e que deixaría sen subvención a milleiros de rapaces no país.

Tal e como lembra a Federación Galega de Institución para a síndrome de Down, a Consellería de Educación recortou esta axuda eliminando o material escolar, os caderniños de exercicios obrigatorios e os caderniños de material adaptado, que "son precisamente os recursos que utilizan os alumnos e alumnas con dificultades cognitivas". As mesmas críticas xorden da asociación Por Dereito (para a integración das persoas con autismo) ou dos colectivos de pais de nenos con necesidades educativas especiais, que sofren o mesmo problema.

A Xunta defende que debe foemntar o préstamo ou uso de materiais reutilizables e lembra que nos centros de educación especial hai subvencións directas ás familias

A Xunta deféndese asegurando que o que fai é fomentar o préstamo ou uso de materiais reutilizables e que esa é a razón de que só se subvencione a compra de libros que poidan acabar formando parte dun banco de préstamo. Os pais dos nenos con necesidades educativas especiais reivindican o dereito a recibir as axudas e a que os seus fillos acudan en igualdade de condicións aos centros educativos. Porque a Consellería de Educación advirte de que estes cativos con necesidade especial poden empregar libros de cursos anteriores no caso de estar integrados en primaria e secundaria, pero aclara que de estar en centros de educación especial, recibirían unha subvención directa de 250 euros e sen condicións.

Os pais afectados cren que o PP aproveita a lei Wert para fomentar a "segregación" dos seus fillos en centros especiais

E aí salta a alarma dos pais, que cren que o problema da Xunta non é económico, senón ideolóxico. Denuncian que a intención é, ao abeiro da nova lei Wert, "segregar" estes nenos, forzando as familias a que accedan a matriculalos en centros de educación especial. Así llelo manifestaron as familias afectadas á oposición parlamentaria (PSdeG, AGE e BNG), que coincidiron en levar esta problemática ao Parlamento.

As familias afectadas denuncian o intento de "segregar" e "excluír" por parte do Goberno do PP, que estaría empregando esta nova normativa de axudas para fomentar a entrada de nenos con necesidades especiais en centros illados e propios, sen posibilidade de mesturarse co resto da sociedade en calquera colexio público. O seguinte paso das asociacións, ante as reticencias dos populares a escoitar as súas reivindicacións, será presentar unha denuncia conxunto no Valedor do Pobo, convencidos como están da discriminación que supón este cambio normativo nas subvencións.

Un neno, nunha actividade de Down Compostela © Down Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.