"Expulsada" dun campamento infantil na Coruña por ter diversidade funcional

Díptico dos campamentos urbanos da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

"A actividade non conta con profesionais de apoio para nenos con necesidades educativas especiais". A pasada primavera o Concello da Coruña convocaba os seus campamentos urbanos de verán e facía saltar as alarmas en varias familias de nenas e nenos con diversidade funcional. O gabinete de Carlos Negreira freaba en seco a integración de parte da infancia da cidade nas actividades municipais ao recortar os postos de persoal de apoio que lles permitían participar vetando, de facto, o seu acceso. Ante esta circunstancia unha das familias iniciou toda unha peregrinaxe burocrática e negociadora ante o consistorio que vén de rematar coa "expulsión" da súa filla e que agora vai encamiñada aos tribunais de Xustiza.

Ante as novas condicións dos campamentos a familia da pequena dirixiuse "no seu día" á directora do centro sociocultural e mesmo á concelleira de Cultura, Ana Fernández, para tentar solventar o problema. A edil, explica a nai da nena, Sonia Hermida, "transmitiulle o total apoio do Concello e o compromiso de buscar unha solución para que puidese contar cun monitor ou monitora de apoio que lle permitise participar en igualdade de condicións nas actividades do campamento". Tras esa xuntanza "a familia non volver ter noticia ningunha do Concello" malia "ter tentado falar de novo coa concelleira, ter enviado correos electrónicos e ter presentado documentos no Rexistro sobre este tema".

A edil de Cultura "transmitiu o compromiso de buscar unha solución", pero a nena foi excluída do campamento, que en anos anteriores si contaba con monitores de apoio

Dado o silencio da institución municipal a pasada semana a propia familia "púxose en contacto co coordinador dos campamentos" para "tratar de achegar un método de traballo que facilitarse a participación da súa filla nas actividades". Desta volta si que houbo resposta, "a nova, confirmada por vía telefónica ao día seguinte, de que a súa filla sería expulsada da actividade por ter diversidade funcional". O Concello, denuncia Sonia Hermida, "despois de ser incapaz de buscar unha solución", decide "non admitir a pequena pola súa propia incapacidade, xa que a única razón de que non conte cos apoios que precisa é que o Concello non os buscou" malia "terse comprometido a facelo" e aínda que a propia familia "se ofreceu a colaborar nesta busca".

Á Xustiza e ao pleno municipal

Mentres a familia agarda "unha confirmación escrita do Concello sobre a decisión de perpetrar esta discriminación" para "presentar unha denuncia ante a Fiscalía por vulneración dos dereitos fundamentais" da menor o acontecido chegará tamén ao pleno municipal a través do grupo municipal do BNG que, lembra, xa "presentara unha pregunta para coñecer o motivo polo que o Concello non ía contar con profesionais de apoio", recibindo "unha resposta lacónica que demostra a falta de interese do PP", toda vez que se limitou a sinalar que "o Goberno municpal cumpre sempre a lexislación vixente". Agora o Bloque local censura a "crueldade do Goberno do señor Negreira por expulsar unha nena de catro anos do campamento de verán" mentres "dilapida máis de 2 millóns de euros nas festas de María Pita".

"A Concellaría que gastou 3,56 millóns en festas pon problemas para contratar durante 15 días un monitor"

"A Concellaría que o ano pasado gastou 3,56 millóns en festas pon problemas á hora de contratar durante 15 días un monitor ou monitora que atenda crianzas con diversidade funcional", resumen, nun contexto no que anuncian a presentaciónd unha iniciativa "contra a discriminación" destas nenas e nenos no vindeiro pleno municipal "coa fin de que o Goberno do señor Negreira rectifique unha decisión que a todas luces é inxusta" xa que, salientan, "até o de agora os campamentos do Concello ofertaban prazas para nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo" e garantían así a "igualdade".

A edil de Cultura da Coruña (esquerda), nun acto do seu departamento © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.