Facenda abre a man e anula algunhas sancións a emigrantes retornados

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Algo parece moverse en Facenda. O Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia (TEARG), dependente do Ministerio de Facenda, vén de anular unha multa de 666 euros que a Axencia Tributaria impuxera a un pensionista de Ourense na campaña sancionadora que afecta xa uns 20.000 emigrantes retornados galegos, que prevé ampliarse a outros 30.000 e que podería afectar auns 200.000 cidadáns que traballaron durante anos no estranxeiro.

Malia que o caso deste ourensán foi o que saltou aos medios, a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) asegura que non é o único. O Ministerio tería retirado máis sancións, aínda que isto non evita que os afectados teñan que tributar desde 2008 polas súas pensións do estranxeiro. No caso de Ourense, a paga recibida provén de Alemaña e varias sentenzas do TSXG xa aseguraran que estas prestacións eran públicas, polo que estarían exentas de tributar. Ademais, hai dúbidas sobre os convenios que España ten con cada país, polo que a revisión desta posible dobre imposición estaría por darlles a razón a varios emigrantes retornados.

O Ministerio non só retira a sanción, senón que recoñece desinformación e unha regulación "escura"

O máis importante, xa que logo, non é só a retirada da sanción, senón que Facenda recoñece que pode haber desinformación, así como unha regulación non suficientemente clara, xusto o que argumentan os afectados, que insisten en que non só foron mal informados ou non informados, senón que na maioría dos casos foi a propia Administración a que lles aseguraba que non tiñan por que tributar.

Manuel Domínguez, voceiro da CGENR, aclara que o Ministerio recoñece nesas resolucións "que a regulación é escura", aínda que non confía moito en que isto "sente un precedente" para a problemática global e cre que tan só é "un parche". "Facenda comprometeuse a mirar caso por caso e estes ditames favorables xorden desa situación, pero o que queremos é unha solución global para todos porque a inmensa maioría estamos na mesma situación", aclara. Ademais, desde a Coordinadora reclámase tamén que non só se retiren as multas, senón que se obvien os intereses de demora con carácter retroactivo e que se exima de declarar aquelas pensións que legalmente se consideran públicas. "Están a recoñecer que non houbo infracción e que non houbo dolo", insiste.

Os emigrantes retornados reclaman que unha "solución global" máis aló de resolucións individuais favorables

Os casos favorables son poucos e, ademais, centos de emigrantes continúan a recibir cartas de sanción malia que o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha resolución na que se instaba a deter a campaña sancionadora que permitiu recadar 4 millóns de euros tan só en Galicia. Pero iso non só non ocorre, senón que na última xuntanza con representantes da Axencia Tributaria en Galicia, a Coordinadora Galega foi advertida de que as multas continuarían.

Agora, as diferentes plataformas comarcais de afectados advirten de que acudirán á Xustiza, pero tamén en moitos casos optan por reclamacións masivas ante o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia atendendo á posibilidade de que os criterios aplicados sexan de carácter xeral. Polo momento, estas resolución non xeran xurisprudencia, pero alimentan as esperanzas dusn emigrantes retornados que moi maioritariamente non teñen aínda solución ningunha.

Manifestación de emigrantes retornadas na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.