Facenda advirte (agora si) aos emigrantes que deben declarar as pensións do estranxeiro

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

A campaña da Renda deste ano, que comezou neste mes, inclúe algunha novidade. Unha delas ten que ver co aviso que van recibir aqueles cidadáns que teñan rendas procedentes doutros países. Aqueles perceptores de pensións do estranxeiro (e tamén con rendementos de contas no exterior) serán informados a través dunha comunicación da necesidade de incorporar estes datos á declaración. Será unha comunicación a colectivos específicos, con suficiente antelación e previsión, xusto a información que nunca se fixo ao colectivo emigrante e que provocou que milleiros deles en Galicia leven meses recibindo cartas nas que se lles reclaman multas, xuros de demora e a contía das declaracións que exixidas polas pagas que desde 2008 perciben dos diferentes Estados nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas cantidade ou cando mesmo foran informados de que non eran obrigatorias.

Facenda inclúe na campaña da Renda comunicacións a colectivos específicos para que declaren as súas pensións do estranxeiro

A Axencia Tributaria recoñece implicitamente o seu erro e a denuncia que levan tempo facendo as diferentes plataformas de emigrantes retornados: que nunca foron correctamente informados e que nunca se lles advertiu que tiveran que declarar por unhas pensións que sempre lles dixeran que quedaban exentas. A propia delegada da Facenda en Galicia, Imelda Capote, anunciou a pasada semana en rolda de prensa que serían enviados estes novos avisos. Non obstante, non son as únicas notificacións que seguen chegando.

Tamén máis multas, como confirma a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados. "Todos os días chegan novas sancións e recibimos chamadas de todos puntos de Galicia advertíndonos delas", asegura Xosé Lois Leirós, un dos voceiros do colectivo, que se queixa tamén do "silencio" da Axencia Tributaria, que nin recibe aos afectados nin lles informa sobre os resultados das súas reclamacións. "Non temos noticias ningunha da Facenda, nin desde Madrid nin desde a delegación de Galicia; o mínimo que podían facer era recibirnos, tal e como lles pedimos, pero nada fan", insiste.

A campaña sancionadora continúa mentres a Facenda recoñece o seu erro ao informar do que antes non informara nunca

Leirós entende que a decisión da Axencia Tributaria de advertir oficialmente nesta campaña da Renda da necesidade de declarar as pensións é unha maneira de "recoñecer que antes non o fixeran". "E non só non o fixeran, senón que a información que recibiamos era totalmente contraria", lembra. "Se teñen algún documento co que poidan demostrar que avisaron aos emigrantes de que tiñan que declarar eses cartos, que o presenten; pero non teñen nada porque non o facían, nin en 2009, nin en 2010 nin nunca", insiste o voceiro da Coordinadora Galega, que insiste en que o obxectivo do Goberno do PP non é máis que "recadatorio" e a través dunha "campaña sancionadora contra os máis débiles".

A Coordinadora, que leva meses manifestándose, pide "a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria e que lle notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios 2008-2012", ademais da anulación do cobro de intereses de demora e a modificación da lei para "garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados". Tamén reclama que se "anulen os requerimentos relativos aos exercicios compendidos entre os anos 2008 e 2012", así como que se revisen os convenios marco con outros países e que se modifique a normativa para que se fixe "un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados". Por último, solicitaron unha campaña informativa sobre as obrigas fiscais futuras, a mesma que agora pon en marcha a Facenda. A mesma que nunca existira antes.

As sancións poden afectar uns 200.000 emigrantes galegos

A campaña sancionadora que afecta xa uns 20.000 emigrantes retornados galegos, seguirase ampliando até outros 30.000 e podería afectar finalmente uns 200.000 cidadáns galegos que traballaron durante anos no estranxeiro. Polo momento, a Axencia Tributaria recadou máis de 4 millóns de euros en Galicia a través destas reclamacións.

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.