Facenda continúa a multar emigrantes pero xa acepta alegacións que antes rexeitaba

Asemblea de emigrantes celebrada en Foz © Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña

A Axencia Tributaria leva recadados xa uns 3,5 millóns de euros en Galicia desde que comezou a súa campaña contra os emigrantes, aos que lles reclama que tributen polos subsidios recibidos dun país estranxeiro desde 2008, ademais de impoñerlles sancións e cobrarlles intereses de demora por non ter declarado antes eses ingresos. Malia que o pasado mes de agosto a devandita campaña estivo "case paralizada", segundo as plataformas de afectados, as reclamacións seguen chegando e incrementaranse neste setembro, logo de que no pasado mes "si se activasen as notificacións de sancións por non teren tributado en prazo e forma".

Os expedientes comezan a chegar a diferentes comarcas e son xa preto de 25.000 os pensionistas afectados

De feito, comarcas que non eran das máis afectadas comezan a acumular xa centos de propostas de sancións para outros tantos xubilados galegos. En total, a cifra de pensionistas que reciben as denuncias de Facenda achégase aos 25.000 no país e a cantidade media que se lles reclama -sempre tendo en conta os cinco exercicios, entre 2008 e 2012- sitúase entre os 12.000 e os 15.000 euros.

No entanto, a mobilización social semella que dá resultados. Centos de pensionistas están a presentar alegacións ás notificacións de sancións por non teren presentado a declaración correspondente e a Axencia Tributaria estaas aceptando, malia que nun principio todas eran rexeitadas e os xubilados optaran por recorrer á Xustiza. Alegan falta de información, descoñecemento, non intención de ocultar datos e indefensión. E Facenda parece aceptar agora as xustificacións que antes non tiña en conta. "E cremos que todo isto se debe á presión social e á mobilización que mantemos desde hai meses", asegura Maruchi Álvarez, voceira da plataforma de afectados do Morrazo, a primiera que se organizou e que serviu de base para os colectivos que xa están organizados no Umia, Vilagarcía, A Coruña, Carballo, Ourense, A Mariña ou Ponteareas.

Facenda acepta as alegacións que antes rexeitaba en bloque debido "á presión social"

Desde as plataformas recoméndase aos afectados que presenten esa primeira alegación á proposta de sanción, xa que dese xeito non perderán os descontos que a Axencia Tributaria ofrece para o pago das cantidades correspondentes, así como que se organicen para facer fronte ao que consideran "un roubo" por parte da Administración central. Así o están a facer, por exemplo na provincia de Ourense, "onde até o de agora o tema era tabú, pero onde xa se están a descubrir centos de afectados". Tamén noutras zonas, como en Carballo, onde á última xuntanza informativa asistiron 200 persoas.

Os colectivos de afectados confían en que a presión social "suavice" as sancións, pero seguen reclamando "a anulación de todos os expedientes abertos e a devolución dos cartos pagados", tamén daqueles que, "por descoñecemento e falta de apoio", pagou para evitar problemas. Máis de tres millóns de euros entraron xa nas arcas do Estado por esta vía. O feito de que PSdeG, AGE e BNG presentasen iniciativas no Congreso e no Parlamento galego, pero sobre todo, "que o tema chegue á Cámara Europea", fai manter as esperanzas dos afectados. "É clave que o resto de estados comunitarios coñezan a situación para coordinar un cambio na lexislación e establecer unha información e unhas normas claras sobre os pagos de tributos por parte dos emigrantes", engade Maruchi Álvarez, que confirma que se prevé unha manifestación nacional fronte ao Parlamento galego no momento no que este tema se debata no pleno, se cadra xa nos vindeiros días.

Os afectados prevén manifestarse ante o Parlamento o día no que se debata o tema no pleno

Até o de agora, as cartas de Facenda apuntan os galegos emigrados en Alemaña, Suíza, Francia ou Inglaterra, pero as ordes da Axencia Tributaria afectan a toda aquela persoa que estea a cobrar unha pensión do estranxeiro. Tamén os que traballaron en América, que serán informados axiña das súas novas obrigas fiscais.

O límite xeral sitúase nos 11.200 euros anuais, polo que todos aqueles pensionistas que entre a pensión de España e a do país onde emigraron superen esa exigua cantidade estarían obrigados a poñerse ao día ao ter dous pagadores. A barreira, no entanto, sitúase nos 22.000 euros para calquera outro pensionista. Os afectados insisten en que nunca foron informados sobre o obrigatoriedade de realizar a declaración e que incluso foron advertidos, tanto por parte da Administración estatal como por outras doutros países europeos, de que non tiñan por que declarar o subsidio.

"A discriminación é grandísima; calquera pode ter traballado en oito empresas en España e non ter que facer a declaración por cobrar algo menos de 22.000 euros, pero se estiveches fóra e recibes 11.300 euros ao ano, estás obrigado a declarar", explica Álvarez.

Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.