Facenda deixa sen esperanza aos emigrantes retornados

Manifestación de emigrantes retornadas na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

"Foi unha gran decepción. Non nos queda moita esperanza". Con esta frase resume a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) o resultado da última das xuntanzas que nestas semanas manteñen con diferentes cargos públicos e representantes políticos na busca dunha "solución política" á campaña de sancións que están a sufrir. Uns 250.000 pensionistas galegos están afectados polas multas que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron desde 2008, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias. Multas que chegan a ducias de miles de euros en moitos casos e que provocan a desesperación de xubilados que se enfrontan a unhas exixencias económicas que non son quen de satisfacer.

O Goberno central desoe a reclamación da Cámara galega, considera defraudadores aos emigrantes e continuará coa campaña sancionadora

Pero o Goberno central non cede. Nin moito menos. A pasada semana, unha representación da CNGER reuniuse en Madrid co director de Xestión Tributaria da Axencia Tributaria, Rufino de la Rosa, que deixou ben claro que a campaña sancionadora continuará e se intensificará nos vindeiros meses ao considerar desde Facenda que os 250.000 galegos afectados -así como o máis dun millón do Estado- son defraudadores que incumpriron a lei sabendo que o facían. Desoe así a petición do Parlamento galego, que unanimamente reclamou ao Executivo de Madrid que se regularizase a situación fiscal dos emigrantes, pero sen que fosen considerados defraudadores e, polo tanto, evitando as sancións.

"Esperabamos comprensión, pero teñeno corazón de aceiro", di a Coordinadora Galega

"Esperabamos algo máis de entendemento e comprensión, pero teñen o corazón de aceiro; non baixan da burra e insisten en que somos delincuentes que conscientemente defraudamos á Facenda, cando non só non nos avisaban de ter que facer a declaración, senón que nos aseguraban que non era necesario", asegura Xosé Lois Leirós, un dos voceiros da plataforma, que lembra que "mentres o Parlamento galego pide ao Estado" que evite apreciar dolo na actuación dos pensionistas, "o Goberno central insiste en considerarnos delincuentes".

De nada serviu a reclamación unánime da Cámara galega, nin as supostas peticións chegadas desde o PPdeG ao Goberno, nin as palabras da conselleira de Facenda, nin tampouco as advertencias do propio fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que recordou aos pensionistas que "de non haber dolo e interese defraudador, non pode haber sancións e, xa que logo, sería ilegal aplicar esa parte da lei que o Executivo está aplicando".

Madrid segue a considerar que máis de 200.000 galegos emigrados confabuláronse desde diferentes países do mundo para defraudar á Facenda

No entanto, Madrid segue a considerar que máis de 200.000 galegos emigrados confabuláronse desde diferentes países do mundo para defraudar á Facenda. Por iso decidiu sancionalos, ao tempo que aplicaba unha amnistía fiscal para os grandes defraudadores. Mentres, son maioría os representantes políticos do PPdeG que recoñecen a imposiblidade dunha fraude colectiva, pero os senadores populares galegos en Madrid decidiron ir en contra do Hórreo e votar no Senado contra unha resolución case idéntica á aprobada no Parlamento.

 

Protestas máis duras e a vía xudicial

Ante a situaición límite que viven os emigrantes retornados, a Coordinadora xa anuncia que vai "endurecer as protestas" nas vindeiras semanas. "Seremos  menos dialogantes, ao igual que o están a ser eles", aseguran, ao tempo que anuncian o comezo da vía xudicial para deter a campaña sancionadora pola que Facenda recadou xa uns 4 millóns de euros en Galicia.

Os emigrantes anuncian que van "endurecer" as protestas nas vindeiras semanas para logo acudir á Xustiza

A idea é presentar demandas individuais que conten co apoio, social e económico, da Coordinadora Galega. Pretenderán así demostrar a "ilegalidade" dunha medida que considera defraudadores milleiros de emigrantes que nunca tiveron a intención de evitar o pago de impostos. E haberá máis. Polo momento, a UE xa advertiu vixila de preto esta campaña do Goberno e que estudará se inicia procedementos sancionadores por esta posible discriminación fiscal.

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela CC-BY-NC-SA CIG
Emigrantes retornados, nun aeroporto galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.