Facenda non cede nas multas aos emigrantes pero a UE vixía xa a súa campaña recadatoria

Manifestación de emigrantes retornados en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Facenda teima en manter a campaña iniciada polo Goberno contra os emigrantes retornados e continuar así coas multas e sancións que o Estado lles está a impoñer desde hai meses, e que se unen aos xuros de demora e declaracións que se lles exixen polas pensións que perciben dos diferentes países nos que traballaron, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas pensións ou cando mesmo foron informados de que non eran obrigatorias.

Uns 250.000 pensionistas están afectados en Galicia e representantes da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (CNGER) reuníronse esta mañá co delegado no país da Axencia Tributaria tras a xuntanza mantida cos grupos parlamentarios o pasado luns. Nada conseguiron máis aló de que recollese as súas reivindicacións: a paralización da campaña sancionadora, a regularización da súa situación sen ser considerados defraudadores, unha campaña informativa e unha revisión dos convenios marco con outros estados para evitar que volvan ocorrer situacións deste tipo, así como unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF. Todo, mentres a UE xa anuncia que vixila de preto esta campaña e que estudará se inicia procedementos sancionadores por esta posible discriminación fiscal.

"O enfrontamento con Facenda é total; non queren abrir negociación ningunha", alerta a Coordinadora Galega

"O enfrontamento é total; Facenda segue nas súas e parece que non quere entender que a inmensísima maioría dos afectados foron mal informados e non tiñan mala intención ningunha", explica Xosé Lois Leirós, voceiro da CNGER, que volveu reclamar ao delegado da Axencia Tributaria en Galicia a paralización dos expedientes e a apertura dunha negociación. "Non queren, limítanse a cumprir as normas e incluso nos pediron nomes de supostos funcionarios que nos informaron mal, cando isto sucedeu sempre, en diferentes períodos e en diferentes países", aclara. "Non hai entendemento", insiste o voceiro da Coordinadora, que cre que só lles queda "a rúa". "Seguiremos loitando aínda que sabemos que o inimigo é moi forte, pero temos a esperanza de que gañaremos esta batalla porque temos a forza da razón", explica.

A Coordinadora confía pero asume que de momento os avances son escasos. Quédalles tamén a esperanza da UE á vista da instransixencia do Goberno central. De feito, a Comisión Europea vén de comunicar ao europarlamentario galego Antolín Sánchez Presedo que “incoará procedementos de infracción contra os estados membros” que discriminen os pensionistas emigrantes retornados. Asegúrao Algirdas Semeta, comisario europeo de fiscalidade, en resposta a unha pregunta do eurodeputado socialista na que se interesaba sobre a situación destes pensionistas.

A Comisión Europea advirte que "incoará procedementos de infracción" aos estados qeu discriminen emigrantes retornados

Sánchez Presedo aludira á situación de inxustiza á que se estaba sometendo aos emigrantes retornados e á "dobre imposición" que estarían sufrindo. Semeta advertiu de que a Comisión está "examinando as leis fiscais dos estados membros para detectar indicios de medidas discriminatorias nos eidos concretos das pensións, as persoas móbiles e os traballadores fronteirizos". Incluso asegura que traballa en "posibles solucións aos problemas de dobre imposición non resoltos mediante convenios bilaterais". Os diferentes e contraditorios convenios ou a ausencia deles é outro dos atrancos cos que os galegos emigrados din atoparse desde sempre á hora de regularizar a súa situación. Varias sentenzas xudiciais xa declararon ilegais os tributos cobrados por pensións de Alemaña, exentas de ser declaradas.

Para Presedo, o Goberno ampara unha inspección masiva "aproveitando unha evidente falta de información" e por non declarar pensións recibidas desde outros países, onde xa están sometidas á fiscalidade. "Ninguén pode crer que todos os pensionistas retornados se teñan posto de acordo para defraudar á facenda durante anos, senón que non declararon as súas pensións simplemente porque non sabían que tiñan que facelo”, insiste.

A UE traballa en "posibles solucións" aos problemas de dobre imposición "non resoltos mediante convenios bilaterais"

A Comisión europea informou tamén que no próximo ano presentará  un informe sobre mellores prácticas na xestión de problemas fiscais fronteirizos, con propostas como a creación de fiestras únicas centrais nas que os traballadores móbiles poidan dispor dos certificados necesarios das autoridades dos seus países ou normas especiais aplicables aos traballadores móbiles e fronteirizos. A CNGER anuncia novas mobilizacións e que se unirá ás protestas pola reforma das pensións do vindeiro día 14 e organizadas pola CIG.

Manifestación de emigrantes retornadas en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.