"Facenda segue a multar os emigrantes e a Xunta é cómplice; non fai nada por evitalo"

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Facenda non só non atende as reclamacións dos pensionistas emigrantes, senón que desoe as peticións da Xunta e mantén e incluso reactiva a campaña nas que se lles reclaman multas, xuros de demora e a contía das declaracións exixidas polas pagas que desde 2008 perciben dos diferentes Estados nos que traballaron. Todo, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas cantidade ou cando mesmo foran informados de que non eran obrigatorias.

As peticións da Xunta e do propio Feijóo ante o Goberno central e Facenda non deron resultado ningún

Aquel acordo unánime no Parlamento galego, no que toda a Cámara solicitaba que non se mantivesen as multas aos emigrantes que regularizasen a súa situación, non serviu de nada polo momento. Tampouco as reclamacións por carta que a propia conselleira de Facenda, Elena Muñoz, fixo ante o Goberno central e a propia Axencia Tributaria nin as xestións do presidente Feijóo. E todo, malia que, tal e como adiantou Praza, Facenda si advirte agora nos borradores dos pensionistas afectados que deben declarar as pensións do estranxeiro, recoñecendo implicitamente a "desinformación" que denuncian os emigrantes.

"Estanse delatando, asumindo que agora informan do que antes nunca informaron", di Manuel Domínguez, voceiro da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que cre que, á marxe de que o Goberno central non estea polo labor de eximir das sancións aos afectados, a Xunta "non fai absolutamente nada para que Facenda cambie de parecer". "Limítase a recoller as nosas reclamacións e enviar cartas, pero sen ningunha proposta seria. En certo modo, é cómplice do Estado nesta campaña sancionadora", insiste.

"A Xunta non fai nada para que Facenda cambie de parecer; é cómpice do Estado nesta campaña sancionadora"

No Parlamento, e a pregunta do PSdeG, a conselleira de Facenda asegurou este mércores que a Xunta segue "pedindo á Axencia Tributaria que non impoña sancións aos emigrantes" ao non ter estes "vontade" de defraudar. "Resultados, cero", respondeulle a deputada socialista Carmen Gallego na Cámara, mentres ás portas se manifestaban varios afectados, advertindo de que "castigarán" o PP nas vindeiras eleccións europeas.

Ademais, e segundo os cálculos que a Axencia Tributaria lle ofreceu á Xunta, serían 11.000 os pensionistas emigrantes que aínda están afectados pola campaña sancionadora. Tamén segundo estas cifras, a media das sancións elevaríase a algo máis de 270 euros, ao que habería que engadir os 600 euros que lles supoñen as liquidacións. Desde as plataformas de emigrantes retornados aseguran que as multas son superiores -de máis de 600 euros de media- e que non só non se reduciu o ritmo das reclamacións, senón que incluso se reactivaron.

A Axencia Tributaria xa advirte de que sancionará aínda 11.000 pensionistas galegos

"A campaña non só continúa, senón que se fai cunha certa prepotencia porque ao tempo que din que mirarán caso por caso non dan marcha atrás na retirada das sancións, que sería o máis lóxico. Se non somos defraudadores non temos por que ser sancionados", insiste Domínguez. Desde as diversas plataformas entenden que os afectados deben regularizar a súa situación fiscal, pero non entenden que se lles apliquen sancións e intereses de demora cando agora a propia Axencia Tributaria asume o seu erro ao informar do que antes non informaba.

"Todos os días chegan novas sancións e recibimos chamadas de todos puntos de Galicia advertíndonos delas", asegura Xosé Lois Leirós, outro dos voceiros da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que se queixa tamén do "silencio" da Axencia Tributaria, que nin recibe aos afectados nin lles informa sobre os resultados das súas reclamacións.

A Coordinadora, que leva meses manifestándose, pide "a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria e que lle notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios 2008-2012", ademais da anulación do cobro de intereses de demora e a modificación da lei para "garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados". Tamén reclama que se "anulen os requerimentos relativos aos exercicios compendidos entre os anos 2008 e 2012", así como que se revisen os convenios marco con outros países e que se modifique a normativa para que se fixe "un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados". 

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira
Feijóo e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.