"Facíase necesario un espazo plural, independente, que lle dese a voz ao colectivo LGTBI"

Presentación de Ultreia LGTBI, o pasado xoves en Compostela © Ultreia LGTBI

O pasado xoves presentouse a asociación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Compostela Ultreia, unha entidade que se define como unha "asociación sen ánimo de lucro, laica, apartidista, feminista e de carácter horizontal", que nace para traballar por unha sociedade máis plural e respectuosa, para promover a completa equiparación legal e social de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade sexual ou identidade de xénero e para denunciar calquera tipo de comportamento de LGTBIfobia.

"Sendo esta cidade a receptora de moitos universitarios e universitarias cada ano, algúns deles son persoas do colectivo LGTBI, e é necesario darlles un marco onde poidan expresar o que senten, e reivindicar os seus dereitos"

Por que poñedes en marcha Ultreia? 

Poñemos en marcha Ultreia LGTBI porque pensabamos que non ter unha asociación en prol dos dereitos de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais ou intersexuais (LGTBI) aquí en Compostela, era unha carencia importante. Sendo esta cidade a receptora de moitos universitarios e universitarias cada ano (como o somos moitos dos integrantes), algúns deles son persoas do colectivo LGTBI, e é necesario darlles un marco onde poidan expresar o que senten, e reivindicar os seus dereitos.

Que fai diferente Ultreia doutras entidades xa existentes?

Xa existen algunhas iniciativas, como ALEAS ou 7 Cores (das que algúns formamos parte), mais estas pertencen a organizacións políticas, e difiren nalgúns aspectos das asociacións propiamente ditas. Facíase necesario un espazo plural, independente, que dese a voz ao colectivo, e co que acadar un maior apoio, loitando contra a discriminación, apostando pola visibilización mediante diversas actividades...

Como vos ides organizar e estruturar? De que xeito unha persoa pode achegarse a vós, ben para colaborar, ou para informar dun problema?

Ultreia LGTBI intenta ser bastante aberta, horizontal, e por iso ten moita importancia a Asemblea Xeral, onde nos atopamos todos os membros da asociación. Calquera pode solicitar información a través do noso mail ultreialgtbi@gmail.com, pola páxina do Facebook Ultreia LGTBI, ou través do Twitter @UltreiaLGTBI. As reunións anteriores da Asemblea tiveron lugar no bar Hervor&Fervor (Praciña das Penas), onde probablemente continuemos téndoas, e onde calquera pode acudir e participar co fin de informar ou ser informado.  

"No caso de que aparezan reaccións LGTBIfóbicas, Ultreia LGTBI estará disposta a realizar calquera acción ou denuncia, e mostrarlles apoio ás vítimas"

Notades que a sociedade é máis aberta e tolerante? En que ámbitos se manteñen aínda actitudes discriminatorias? Tedes en mente accións, actividades ou campañas para os vindeiros meses?

En xeral, a actitude dos demais é bastante positiva, e consideramos que estamos tendo importantes apoios. O certo é que da sociedade compostelá pódese dicir que é bastante aberta, sobre todo pola gran mestura que atopamos nesta cidade, con estudantes, turistas, peregrinos..., unha cidade cultural, diversa..., que, porén, ás veces atópase con situacións de discriminación, como algunha agresión LGTBIfóbica, ou mesmo algún que outro profesor universitario intolerante e LGTBIfobo. No caso de que aparezan reaccións deste tipo, Ultreia LGTBI estará disposta a realizar calquera acción ou denuncia, e mostrarlles apoio ás vítimas desta LGTBIfobia, mesmo con outras actividades que axuden a visibilizar ao colectivo, e dos que poderemos informar cando teñan lugar.

Presentación de Ultreia LGTBI, o pasado xoves en Compostela © Ultreia LGTBI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.