Feijoo nega a "discusión coa Deputación" a pesar de que o PP ourensán rexeita o emprazamento da incineradora

O plan para a instalación da planta prevé a súa construción nun monte comunal próximo ao parque eólico do Irixo CC-BY-SA Plataforma Incineradora no Irixo non

"Descoñezo que a Deputación estea en contra. O que sei, despois de falar co presidente da Deputación, é que queren unha planta. Está en discusión o punto quilométrico, é unha discusión de segundo nivel". Alberto Núñez Feijoo reafírmase na opinión de que non existen diverxencias entre a posición do Partido Popular en Santiago e os populares de Ourense. Feijoo afirmou, ademais, que "a Xunta está estudando distintos emprazamentos" pois "ten que ser distintas posibilidades no caso de que falle a primeira". En calquera caso, reiterou a súa opinión de que a planta non é contaminante, o mesmo que a de Sogama en Cerceda: "Gústanme moito os grelos de Ordes e disfruto moito co leite que se produce nesa zona, non creo que estean prexudicados pola planta".

O voto será decidido nunha xuntanza dos quince representantes populares na institución, que se reunirán antes da votación

Porén, o PP ourensán deixou ver esta semana que este venres apoiará no pleno da Deputación a moción presentada polo PSOE en contra da instalación dunha planta incineradora nos montes comunais do Irixo. O voto será decidido nunha xuntanza dos quince representantes populares na institución, que se reunirán antes da votación. A moción do PSOE pide que a Deputación manifeste "a oposición" a que a nova planta de tratamento de residuos no sur de Galicia se instale "no actual emprazamento" proxectado "pola empresa Estela Eólica no Concello do Irixo".

 

Marnotes engadiu que no caso de que o PP non votase a favor da moción socialista, el si o faría

O alcalde popular do Carballiño votará a favor da moción do PSOE

O texto é idéntico ao que hai unhas semanas se aprobou por unanimidade no Concello do Carballiño, co voto favorable do Partido Popular. Unha e outra moción non rexeitan a instalación da incineradora nalgún outro punto da provincia de Ourense, senón unicamente no emprazamento previsto nos montes comunais do Concello do Irixo. O principal apoio popular á moción impulsada polo Partido Socialista é o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, que afirmou que "o feito de que a Deputación debata a moción é xa importante, pero eu quedei co presidente para pedirlle que o grupo popular, do que formo parte, vote a favor". Marnotes engadiu que no caso de que o PP non votase a favor da moción socialista, el si o faría: "'eu como é lóxico manterei a miña postura igual ca no pleno do Carballiño".

Estela Eólica segue decantándose polo Irixo debido á proximidade dos terreos ás vías de alta capacidade

Estela Eólica mantén a ubicación que o PP ourensán rexeita

Pola súa banda, Estela Eólica segue mantendo a ubicación no Irixo da inicineradora que promove, do mesmo xeito que hai unhas semanas se reafirmou no proxecto, a pesar da retirada dos incentivos económicos para as enerxías renovables coma a eólica. Estela Eólica segue decantándose polo Irixo debido á proximidade dos terreos ás vías de alta capacidade A-52 e AG-53 e ao eixo ferroviario Vigo-Ourense. Este martes o director do IGAPE deixou ver que o organismo podería achegar até 35 millóns de euros (un 15% do investimento total), aínda que para iso a planta ten que instalarse necesariamente nas provincias de Ourense ou Lugo, beneficiarias do Programa Impulsa.

Estela Eólica aínda ten que remitirlle á Consellaría de Medio Ambiente un documento técnico sobre a planta, que dende a empresa xa advirten que "levará o seu tempo". Despois de facerse cos terreos (nos montes de Menaz, Cardedo, Orosa, Filgueira e Casares) e a solicitude de compatibilidade urbanística, terán lugar os estudos de avaliación de impacto ambiental e a Autorización Ambiental Integrada, a máis exhaustiva. Só nese momento o proxecto se fará público. En resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG, o conselleiro de Medio Ambiente, Samuel Juárez, afirmou este mércores que a planta se "adecuará á normativa europea vixente" e que "non existe evidencia ningunha de que o Complexo sexa incompatible coa actividade agrogandeira".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.