Fernando Vázquez ou Suso de Toro chaman a manifestarse este 17M polo galego

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

O adestrador Fernando Vázquez, o escritores Suso de Toro, Manuel Rivas e Begoña Caamaño ou a música Mercedes Peón. Son só algúns dos persoeiros que veñen de apoir un manifesto de apoio á manifestación que este venres 17 de maio convoca Queremos Galego en Compostela baixo o lema Non queremos ser estranxeiras na propia patria, en homenaxe a Rosalía de Castro no día no que se cumpren 150 anos da publicación do primeiro libro contemporáneo monolingüe en galego, Cantares Gallegos.

"O galego é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo", di o texto

O manifesto, asinado por outras moitas personalidades, reivindica o galego como "base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo" e recorda que "se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador". Así, os asinantes atopan "motivos dabondo" para mobilizarse e pedir á cidadanía que se manifeste na capital galega.

Entre os argumentos que xustifican o apoio á manifestación, os asinantes censuran un goberno galego "que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir". Así, lembran que a Xunta emitiu un decreto que "mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística".

"Temos unha lingua rica e fermosa; falémola, amémola, respectémola e defendámola", reivindican os asinantes do manifesto

Ademais, o manifesto tamén repara no marco xurídico "escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan", e que mesmo así "é burlado de xeito tan esperpéntico", e tamén nun Estado que "abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela".

Os asinantes perciben que o galego "non se ten en conta, do mesmo xeito que non se ten en conta que é a lingua propia" do país, que é falada por miles de persoas, e na que os galegos queren "vivir con normalidade". "Temos unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola", reivindican.

Entre os asinantes deste manifesto tamén están os escritores Margarita Ledo, Bernardino Graña, Marilar Aleixandre, Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Marta Dacosta, Xabier Docampo, Yolanda Castaño, Nacho Taibo, Pilar García Negro, Francisco Pillado e Carlos Taibo, os músicos Uxía, Projecto Mourente, Guadi Galego, Mini e Mero, Xurxo Souto, Isabel Risco, Magín Blanco e Tonhito de Poi, os actores Chisco Amado, Laura Ponte e Quico Cadaval e o humorista Xosé Lois González O Carrabouxo.

Fernando Vázquez, no Correlingua celebrado na Coruña © Suso Bermello

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.