Ferrol e A Coruña organizan unha estrutura permanente de acollida de refuxiados

Cidades e vilas de todo o Estado organízanse para acoller grupos de refuxiados CC-BY-NC Budapest Keleti

As localidades galegas que anunciaron a súa disposición a se converter en cidades-refuxio ultiman a organización das estruturas necesarias para acoller as persoas que foxen de situacións de conflito ou persecución nos seus países. Unhas estruturas, ademais, que queren ser permanentes, indo máis aló dunha axuda puntual e conxuntural aos milleiros de vítimas da guerra en Siria. Polo de agora A Coruña e Ferrol son as urbes que teñen máis avanzado o traballo de preparación destes espazos e estruturas de colaboración.

O Concello de Ferrol anunciou este luns a apertura dun censo de vivendas baleiras e de familias dispostas a acoller refuxiados e refuxiadas. A información estará dispoñible na páxina web do Concello e os pisos serán en todo caso tutelados pola administración. O Plan de acollida para refuxiados de Siria prevese que poida estar completamente rematado para que o primeiro día en que o Goberno central estableza a posibilidade de acollementos a cidade ofreza todas as garantías necesarias, segundo comunicou Beatriz Sestayo, concelleira de Benestar Social, Muller e Festas.

Sestayo destacou que aínda que o Plan se iniciará cos refuxiados sirios, o obxectivo é que sexa “un plan permanente de acollida de refuxiados”, posto que “existen miles de conflictos armados no mundo e Ferrol non vai permanecer illada ante a dor”, intentando impulsar que estas medidas sexan “permanente para todo o ano e para todos os conflitos”.

A edil destacou a “rapidez” de resposta solidaria que están ofrecendo os cidadáns e, en concreto, quixo agradecer as “mostras de solidariedade das familias ferroláns”. Unha solidariedade, dixo, que “choca coa lentitude do Estado que é o competente para iniciar a acollida de refuxiados” e con “certa falla de información da Xunta de Galicia sobre o que vai facer a Comunidade Autónoma”. En todo caso, engadiu, “se a Xunta de Galicia segue na súa inhibición nesta cuestión o Concello tomará protagonismo”.

Os pisos baleiros que se poñan a disposición, ou ben os espazos dentro de cada vivenda e que se compartan coas familias de acollida, serán supervisados e “tutelados” polo Concello

Sestayo salientou que son "moitísimas" as persoas que xa se puxeron en contacto a través de distintos medios coa administración -no Concello, en servizos sociais, na Xunta ou incluso no seu correo persoal-, para transmitir a súa vontade a colaborar. Por exemplo, comentou que tan só á súa dirección de correo electrónico chegaron 24 propostas de colaboración. Para que este proceso sexa o máis rápido, solvente e serio posible, a páxina web do Concello contará cun impreso no que se poidan facer figurar os datos das familias ou persoas interesadas nesta acollida.. Os pisos baleiros que se poñan a disposición, ou ben os espazos dentro de cada vivenda e que se compartan coas familias de acollida, serán supervisados e “tutelados” polo Concello co obxectivo de ofrecer as garantías necesarias. Dende o Concello xa se iniciaron as conversas con Acnur, engadiu, “para ver as condicións que se ofrecen aos refuxiados para no momento en que se aprobe o plan teñamos Ferrol a disposición de dar unha acollida con todas as garantías”.

 

Xuntanza na Coruña

Na Coruña, pola súa banda, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, mantivo este luns unha xuntanza con diversas asociacións benéficas da cidade, así como entidades sociais do ámbito das migracións e o acollemento para valorar os recursos, tanto públicos como de carácter privado cos que conta A Coruña para poder establecerse como cidade refuxio. Fraga sinalou que neste tema hai que ir “máis alá” do caso actual dos desprazados e desprazadas sirias. “Isto ten que sobrepasar esta emerxencia puntual; se queremos ser un concello de acollida temos que traballar tanto coas entidades como coa propia cidadanía”.

A concelleira sinalou que se busca determinar o número de persoas que a cidade está en dispoñibilidade de acoller, á espera de manter unha reunión coa Xunta de Galicia, que é a administración que ten derivadas as competencias estatais nesta materia de acollida de refuxiados e refuxiadas. “Xa houbo ofrecementos concretos de números de prazas, como o caso de Padre Rubinos, que puxo á disposición dos e das refuxiadas non só un teito, senón o apoio completo dos seus profesionais”, indicou Fraga.

Fraga sinalou que neste tema hai que ir “máis alá” do caso actual dos desprazados e desprazadas sirias

Por outro lado, o Concello da Coruña tamén revisará os inmobles de titularidade municipal que ten dispoñibles. “Agora mesmo, moitos dos pisos están servindo de apoio a persoas afectadas por desafiuzamentos, pero xa estamos a revisar o parque de vivendas propias co que contamos. Ademais, trataremos de facilitar os alugueiros sociais ás entidade benéficas”, comentou.

Por outro lado, e de cara ao posible acollemento de desprazados e desprazadas en vivendas familiares, Fraga quixo enviar unha mensaxe á cidadanía, á que agradeceu a súa disposición e solidariedade. “Cremos que esta pode ser unha solución, pero de carácter puntual, polo que temos que pensar noutras opcións. Non estamos aínda en disposición de saber cal é o volumen de persoas que vai pasar pola cidade só de xeito temporal ou vai ter unha estadía máis longa”, engadiu. “Estamos a traballar niso, na busca de solucións a medio e longo prazo, que deben ir acompañadas de medidas de inserción educativa, sanitaria e sociolaboral”, dixo.

Chegada dun grupo de persoas refuxiadas ás costas gregas CC-BY-NC-ND p-GRC0233
Grupo de refuxiados e refuxiadas en Hungría CC-BY-NC-ND RYAN0174
Xuntanza mantida pola concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña, Rocío Fraga, con entidades e colectivos da cidade © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.