"É importante acudir con casco". Así se advertía na convocatoria da concentración que este sábado reuniu un cento de persoas, que acudiron ao chamamento realizado pola Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello para demandar unha solución para o barrio. Por precaución, dende logo, despois de meses nos que semana si e semana non se foron acumulando as novas de derrubes de fachadas, cornixas e muros, como sucedeu o pasado luns na casa natal de Carvalho Calero. Pero sobre todo buscando realizar unha chamada de atención ante a situación, cada vez máis insostible, do barrio.
"O seu desaloxo tamén é en parte consecuencia da falta de eficacia do Concello de Ferrol á hora de esixirlles aos propietarios dos inmobles e solares o deber de edificar e rehabilitar, permitindo así o abandono das propiedades"
A notoriedade do sucedido coa vivenda do intelectual ferrolán centrou parte da concentración, e dende a Comisión denunciouse a responsabilidade do Concello: "Dende a súa adquisición hai agora tres anos o Concello de Ferrol non foi quen de mantela en axeitadas condicións de seguridade e estabilidade, incumprindo así os deberes que lle son esixibles como propietario. Ademais foi incapaz de iniciar a súa prevista rehabilitación con fondos Urban, o que é mostra tanto dunha nula responsabilidade na xestión destes fondos públicos (que moi probablemente se van perder) como dunha absoluta falta de vontade política na mellora do barrio e na recuperación dunha parte importante da historia da cidade".
A convocatoria facía igualmente mención expresa a solidarizarse cos veciños e veciñas da rúa Carmen Curuxeiras, unha das vías centrais do barrio, e que leva dous meses pechada, ante o perigo de novos derrubes: "Dende a Comisión Cidadá consideramos que o seu desaloxo tamén é en parte consecuencia da falta de eficacia do Concello de Ferrol á hora de esixirlles aos propietarios dos inmobles e solares o deber de edificar e rehabilitar, permitindo así o abandono das propiedades, o que termina sendo prexudicial para os inmobles lindantes. Tal é o caso dos inmobles desaloxados na rúa Carme Curuxeiras, rodeados de propiedades abandonadas polos seus donos dende hai anos, sen que o Concello de Ferrol adoptase medidas eficaces para obrigar á súa rehabilitación".
O alcalde da cidade, José Manuel Rey, criticou este venres a convocatoria e botou balóns fóra, culpando da situación do barrio á súa declaración como Ben de Interese Cultural hai ano. Rey sinalou os promotores da concentración deste sábado como “os que impulsaron un BIC que non beneficiou en nada o barrio”, asegurando que esta figura de protección "imposibilitou o investimento" facendo "máis difícil a conservación”. Esta visión foi contestada en varias ocasións por arquitectos e urbanistas, como Xosé Allegue (COAG), que hai semanas afirmou en entrevista con Praza que "hai moita demagoxia e opinións interesadas, porque que se diga que a declaración BIC prexudica a declaración de Ferrol Vello é unha falacia. Porque a declaración BIC o único que fai é obrigar a que se recupere dun determinado modo, é dicir, respectando a tipoloxía construtiva e outros elementos".
O alcalde da cidade, José Manuel Rey, criticou este venres a convocatoria e botou balóns fóra, culpando da situación do barrio á súa declaración como Ben de Interese Cultural hai ano
No acto deste sábado, que pechou o cantautor Roger de Flor cunha canción dedicada ao barrio, participaron tamén veciños e veciñas doutros barrios, recollendo o chamento realizado pola Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello, que este venres destacaba que "parar o desleixe e destrucción do patrimonio do barrio no que nasceu esta cidade é responsabilidade de todos".