Ferrol vólvese botar á rúa polo naval

Un intre da manifestación CC-BY Susete

"Barcos si, bancos non". O rescate financeiro foi un inesperado convidado entre a multitude que este domingo volveu ateigar as principais rúas de Ferrol para defender o sector que durante décadas foi osíxeno para a cidade e a súa comarca, o naval. Vinte mil, segundo a organización, 30.000, di a Policía Local. En calquera caso, foron moitas persoas que secundaron o lema que se vén reiterando dende hai xa moitos anos: "carga de traballo xa" nun contexto no que "se rescata" as entidades bancarias pero non se fai o propio cos traballadores, lamentaban moitos dos presentes.

A unidade sindical -CIG, CCOO, UGT e UST secundaron a protesta-, e representantes das tres formacións con representación parlamentaria e alcaldes de PP -Ferrol, Neda e Fene-, PSdeG -Ares- e BNG -San Sadurniño-, ademais do de Narón (TeGa) e Esquerda Unida, entre outros colectivos, secundaron unha marcha cuxas reivindicacións ficaron sintetizadas no manifesto ao que lle puxo voz o actor ferrolán Javier Gutiérrez. Ferrolterra, explicou, leva padecendo "décadas de esquecemento e abandono" dende os "distintos Gobernos" e, das 20.000 persoas empregadas directa e indirectamente no naval dos anos 80, pasouse a apenas 5.500. Aínda así, subliña, a actividade dos estaleiros e das empresas auxiliares aínda supón un 3,5% do Produto Interior Bruto da provincia da Coruña.

"O sector non pide esmolas nin axudas a fondo perdido", senón investimentos para ser "rendible", din

Pero o panorama aínda pode ir a peor, lembran, se antes de finais de verán a empresa pública Navantia non garante novas encargas, dado que as gradas de Fene-Ferrol quedarán baleiras. O sector non pide "esmolas" nin investimentos "a fondo perdido", porque efectuar accións como a construción dun dique flotante -prometido por Mariano Rajoy en campaña electoral" serían "rendibles". Neste caso é o PP "quen goberna" tanto en Galicia como en Madrid, polo que "lles corresponde a eles tomar decisións" nunha situación na que, di o voceiro do comité de empresa de Navantia Ferrol, Ignacio Naveiras, "o Goberno pon cartos para axudar os banqueiros" pero "non pon solucións para lograr carga de traballo" para o naval.

As mencións ao PP eran respondidas por unha das representantes da formación conservadora na protesta, a deputada Natalia Barros, quen mantén que Xunta e Executivo central están a facer "todo o que poden" polo naval. A súa presenza na manifestación, di Barros, é unha nova proba da "nosa preocupación e apoio ante a situación actual". "O Goberno de España foi o primeiro en poñer sobre a mesa un proxecto serio e viable, como é o dique flotante" e, ademais, di, "nestes momentoes estanse a realizar xestións ante a SEPI (Sociedad Española de Participaciones Industriales) que confiamos desemboquen en boas noticias".

Quen non cre que o gabinete de Mariano Rajoy estea a facer todo o que pode é o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, en cuxa opinión o Goberno central debe deixar "de poñer pretextos" e xestionar o levantamento do veto que os estaleiros públicos instalados en Galicia teñen para participar na construción naval civil. "O Goberno central está a negarlle á ría de Ferrol un investimento de 41 millóns de euros", o do dique flotante, "mentres aplaude que con cartos de todos e todas se pague a factura do rescate multimillonario ao sistema financeiro". O BNG, di, apoia o naval porque é "vital, para Galiza e para toda a comarca" ferrolá.

Remate da marcha, na Praza de Armas CC-BY Susete
Comitiva do BNG, con Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.