Festa do Boi: mudar o sufrimento dos animais por máis programación musical

Galicia mellor sen touradas reclama a reorientación do festexo celebrado en Allariz © GMST

Galicia mellor sen touradas pide a "reorientación" da Festa do Boi, que todos os anos se celebra Allariz, e no que os animais, atados con cordas, son arrastrados polas rúas, sometidos a un sufrimento e estrés. Como alternativa, a plataforma propón reforzar a programación musical e festiva na vila alaricana nesas datas, celebrando por exemplo un festival de música folk e tradicional que se converta en referencia en toda Galicia, unha feira de produtos locais, ou outras actividades. A petición online que pide a supresión do uso de animais nos festexos de Allariz supera xa as sete mil sinaturas, espallando por todo o territorio unha imaxe moi negativa da vila ourensá.

Galicia mellor sen touradas propón reforzar a programación musical e festiva na vila alaricana nesas datas

A Festa do Boi, unha tradición enmarcada no enfrontamento entre xudeus e cristiáns na Idade Media e que deixara de celebrarse, foi recuperada en 1983. Galicia mellor sen touradas salienta a súa semellanza con outros festexos taurinos que aínda se manteñen noutras localidades do Estado Español, como é o caso do Toro enmaromado (Zamora) ou do Bou ensogat (Valencia). 

A plataforma salienta a súa semellanza con outros festexos taurinos que aínda se manteñen noutras localidades do Estado Español, como é o caso do Toro enmaromado (Zamora) ou do Bou ensogat (Valencia)

Segundo o colectivo abolicionista "diferentes estudos e profesionais veterinarios alertan sobre o sufrimento ao que son sometidos os animais nesta tipoloxía de festexos, eventos tauromáquicos que se desenvolven na rúa e non nunha praza de touros ao uso". "O estrés, as caídas, todo suma para considerar que a Festa do Boi ten que ser erradicada no seu aspecto animal", engaden. A plataforma, que reúne 30 entidades, destaca que "a aposta pola abolición das touradas non admite novas excepcións, e que autorizar espectáculos con animais en base ao seu nivel de sufrimento sería renunciar a acadar unha comunidade máis respectuosa cos seres vivos" e lembra o apoio que o lobby taurino empresta a estes festexos denominados populares.

A proposta de reorientar este festexo taurino é semellante ao intento de substituír o Toro de la Vega por un festival de música con músicos e bandas de primeiro nivel (Rock in Vega), unha proposta non aceptada polo Goberno municipal de Tordesillas. Artistas como Sidonie, Siniestro Total, Antonio Orozco, La Fuga, Neuman, Los Chikos del Maíz, Niño de Elche ou Kepa Junkera xa confirmaron a súa participación.

 

Galicia mellor sen touradas reclama a reorientación do festexo celebrado en Allariz © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.