FIARE dá os últimos pasos para operar como banco

Máis de 200 persoas e 26 colectivos impulsan Fiare en Galicia CC-BY-SA Fiare Galiza

O proxecto de banca ética, cooperativa e cidadá FIARE celebra este sábado en Rivas Vaciamadrid a súa asemblea anual, onde os seus socios ratificarán o proceso de integración coa súa homóloga Banca Popolare Etica e aprobarán o inicio da actividade bancaria, que nos primeiros meses operará para os seus socios. Posteriormente, Banca Popolare Etica ratificará a integración nunha asemblea que terá lugar en maio en Florencia. Ao longo do ano as operacións abriranse a todas as persoas e a finais de ano FIARE terá un funcionamento normal como banca ética, cando menos como banco online ou no que se refire á apertura de contas e depósitos ou á expedición de tarxetas de crédito.

A finais de ano FIARE terá un funcionamento normal como banca ética, cando menos como banco online ou no que se refire á apertura de contas e depósitos ou á expedición de tarxetas de crédito

O outro obxectivo para este 2013 é contratar máis persoal para ampliar os servizos que prestará FIARE. Na actualidade traballan en FIARE en toda España unhas oito persoas, que se poderían duplicar a finais de ano. Neste momento, por exemplo, en Galicia non hai ningunha persoa contratada, polo que para prestar os servizos que a cooperativa ofrece actualmente se teñen que enviar informes a Euskadi para que fagan a avaliación social dos proxectos. É por iso que polo de agora a meirande parte dos proxectos financiados proceden de Euskadi, Navarra, Catalunya ou Madrid.

FIARE é un organización de banca ética con 3.886 persoas socias e máis de 4 millóns de euros en capital social. A pesar da crise económica a FIARE danlle as contas e ano a ano vai acadando e mesmo superando a súas espectativas de depósitos e balance. A día de hoxe financiou proxectos en todo o Estado por valor de 31 millóns de euros, e o aforro de persoas e organizacións ascende até os 33 millóns de euros. "Se nos comparamos coa banda normal esta cantidade non significa nada pero xa empeza a ser significativo", di Gonzalo Gesto (Fiare-Galiza).

A diferenza doutras entidades como Triodos Bank, Fiare ou Banca Popolare son cooperativas nas que as persoas que achegan o capital social pasan a ser socias de pleno dereito. Nas asembleas da entidade decídense desde as escalas salariais das persoas liberadas ou a taxa de xuro dentro do marco establecido polo Banco de España. Até o de agora a cooperativa actúa como intermediaria entre os solicitantes de crédito e a propia operativa bancaria, que conta con tres oficinas no Estado. 

A partir de agora Fiare ofrecerá os mesmos servizos que calquera banco, aínda que cunhas diferenzas moi claras en canto ao carácter ético dos seus investimentos e créditos concedidos -destinados a cooperativas e á economía social-, á súa transparencia e ao seu non ánimo de lucro. Dende 2006 Fiare canalizou en España o aforro -até 33 millóns de euros- de persoas e organizacións "que queren facer un uso consciente dos seus cartos". Os seus principais ámbitos de actuación son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur.

Segundo Raúl Asegurado, activista de Fiare, "para a banca ética é fundamental a creación de grupos locais, o asentamento no territorio e a sensibilidade cara as diferencias culturais e sociais". Agora Fiare deberá conxugar tamén o funcionamento como entidade bancaria co mantemento destas outras actividades que viña desenvolvendo como movemento social (pedagóxicas, parabancarias, de denuncia…). Para iso crearase unha segunda forma xurídica distinta da cooperativa..

Asemblea de Fiare do 29 de setembro Dominio Público Fiare Galiza
Máis de 200 persoas e 26 colectivos impulsan Fiare en Galicia CC-BY-SA Fiare Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.