Estaba próximo o 25 de xuño e para ese día, en que ía cumprir 100 anos, algunhas amigas falamos de organizar algo que aínda non tíñamos moi definido porque, pola evolución dos últimos meses, temíamos o peor, que non chegase alá. E non chegou. Antonte, 14 de marzo, morreu en Barcelona, a cidade onde morou en diferentes períodos e, de forma continuada, desde 2006. Chegoume a mala nova a través dunha amiga común, Antonina Rodrigo, e o meu corazón ficou profundamente magoado. Imos quedando sen referentes. Joaquina Dorado Pita, como outras represaliadas tras o golpe incivil, érao. Hoxe será incinerada no tanatorio Sancho de Ávila de Barcelona.
Anarcosindicalista, loitadora antifranquista, nacida na Coruña o 25 de xuño de 1917, criouse no barrio de pescadores de Santa Lucía no seo dunha familia obreira. Despois de vivir en Vigo e algún tempo en Sada, en 1934, tras a revolución de Asturias, trasladouse a Barcelona coa familia. Aprendeu o oficio de tapiceira e vernizadora, traballou nunha fábrica de mobles e ingresou no “Sindicato de la Madera y Decoración” que tiña a sede en Poble Sec. Sensibilizada desde nena cos problemas sociais, cando se produciu a sublevación militar, como militante da "Confederación Nacional de Trabajadores" (CNT) e da "Federación Ibérica de las Juventudes Libertarias" (FAI), tomou parte activa na loita e combateu na toma do cuartel de Atarazanas e na ocupación do castelo de Montjuïc. Pola súa valía foi nomeada secretaria administrativa do “Sindicato de la Madera” e, xunto con Manuel Hernández, fixo estudos planificadores de colectivización do sector. Cando Hernández foi mobilizado, ocupou o cargo de secretaria do “Consejo Económico de la Industria de la Madera Socializada” e dirixiu un xornal, Voluntad. Periódico mural de las JJ. LL. de Madera Socializada.
Naquela altura, Joaquina Dorado tamén rachou cos condicionantes de xénero: era a única muller que ocupou un cargo no sindicato citado e tivo un papel fundamental no proceso de socialización, de colectivización daquela industria. Outro aspecto apenas coñecido, que me contou hai uns anos, foi a tentativa de varias persoas para irse formar a Francia co obxectivo de pilotar cazas e intervir na guerra: presentáronse dezaoito, na Escola de Traballo de Barcelona, e dúas eran mulleres, unha Joaquina. A compañeira non pasou as probas médicas e só ficou ela. Cando xa tiña a vestimenta e todo estaba preparado, liortas entre partidos impediron que aquel proxecto seguise adiante.
Nos sucesos de maio de 1937 de Barcelona formou parte do grupo “Luz y Cultura” e interviu na loita nos arredores da Telefónica. Tamén alí coñeceu Liberto Sarrau (1920-2001), o compañeiro con quen, anos máis tarde, partillou vida e ideais. Cando as forzas franquistas entraron na cidade, a comezos de 1939, cruzou os Pirineos e estivo dous meses no campo de concentración de Briançon, departamento de Hautes Alpes, poboación francesa fronteiriza con Italia. De alí escapou a Montpellier e estivo agochada en casa do botánico Paul Réclus, sobriño do famoso xeógrafo Elisée Réclus. Posteriormente, partiu a Toulouse e pasou por outro campo de concentración, o de Recebidoux, reservado a prisioneiros alemáns, do que tamén conseguiu fuxir.
Joaquina Dorado tamén rachou cos condicionantes de xénero: era a única muller que ocupou un cargo no sindicato citado e tivo un papel fundamental no proceso de socialización, de colectivización daquela industria
En maio de 1940 chegou a Toulouse e axiña retomou a súa actividade política. Fixo parte dunha comisión coordinadora que tiña por obxectivo reunificar as xentes dispersas no exilio do “Sindicato de la Madera” e, tras a celebración do Congreso en París e unha vez reorganizadas as "Juventudes Libertarias", incorporouse en 1946 ao grupo “Tres de Mayo”, xunto a Liberto Sarrau e outros anarquistas. Introduciuse clandestinamente en España cos seus compañeiros para loitar contra a ditadura, no mes de agosto dese ano, e participou en numerosas accións até a súa detención en Ripoll, o 24 de febreiro de 1948. Pasou dezaoito días nos calabozos da Xefatura Superior de Policía da Vía Laietana barcelonesa, onde foi torturada, e despois ingresou na prisión provincial de Les Corts. Xulgada e condenada a quince anos de cárcere por “auxilio á rebelión”, saíu en liberdade condicional en xaneiro de 1949, por terse invalidado o consello de guerra celebrado en xuño do ano anterior. Detida novamente no mes de maio dese mesmo ano, cando se dispuña a abandonar o país, foi condenada co mesmo cargo a doce anos de presidio.
Por mor do maltrato e das torturas que sufrira caeu gravemente enferma, foi ingresada no hospital en 1950 e tiveron que extirparlle un ril
Por mor do maltrato e das torturas que sufrira caeu gravemente enferma, foi ingresada no hospital en 1950 e tiveron que extirparlle un ril. Sempre contaba que lle salvou a vida a penicilina proporcionada pola CNT e os coidados do naturista Vicent Lluís Ferrándiz. Como lle faltaban arredor de tres meses para cumplir condena, tras o indulto, entrou de novo en Les Corts en decembro de 1953 e saiu en febreiro de 1954 con liberdade condicional, moi debilitada polas condicións carcerarias.
Fica por subliñar a derradeira actividade da loitadora coruñesa, muller rebelde, entregada á causa antifascista, destemida, chea de forza: a colaboración co guerrilleiro Quico Sabaté entre 1955 e 1957. Joaquina pasou de novo á clandestinidade e, discreta e solitaria nas accións (preferíao así), conseguiu escapar sempre da policía que lle pisaba os talóns. Con Sabaté e Ramón Valledor cruzou a fronteira nunha accidentada fuxida de varios días en febreiro de 1957. Cando xa estaba en Francia, La Vanguardia publicou unha requisitoria de comparecencia para os citados guerrilleiros e tamén para Nuri, nome de guerrilla de Joaquina Dorado.
Estabeleceuse en Toulouse, onde seguiu cos traballos de costura e, cando obtivo a liberdade Liberto Sarrau, trasladáronse a París. El entrou na UNESCO e ela comezou a traballar de cortadora de materiais de pel e na confección e venda de calzado, até o seu retiro. Coa lembranza do seu compañeiro en sentimentos e ideais anarquistas, desaparecido en outubro de 2001, viviu entre París e Barcelona até o 2006, ano en que se trasladou con carácter definitivo á cidade condal. Sempre se mantivo fiel ás ideas anarquistas.
Estivo varias veces en Galiza, para participar en diferentes actos entre 2007 e 2008
A loitadora coruñesa estivo varias veces en Galiza, para participar en diferentes actos. Lembro con emoción o do 3 de marzo de 2007, Mulleres con Memoria, onde foron homenaxeadas, no Teatro Principal de Compostela, varias mulleres represaliadas, unha delas Joaquina Dorado. En xullo de 2008 participou na Homenaxe ao exilio e nas xornadas Exilios femininos, celebrados ambos os eventos na illa de San Simón e organizados pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia.
Deixo para o final desta apurada lembranza unhas liñas que escribiu en 2001:
"Bien sabía yo que mi patria era el mundo y mi familia la humanidad. Así me lo enseñaron los buenos maestros que tuve y las lecturas de hombres prestigiosos y humanistas que leí y tuve el honor de conocer algunos.
Pero derramé lágrimas y sufrí cuando lejos de Galicia y de los míos me encontré exiliada y maltratada por la vida. ¿Será verdad que los gallegos llevamos a cuestas esa “morriña” tan repetida por nosotros mismos?
Pues sí, es verdad. Así, mi libro de cabecera es de doña Rosalía de Castro: “Cantares gallegos” y “Follas novas”. Seguramente el haber nacido en Galicia fue una suerte para mí. Poseo la fuerza del viento y del mar. Siempre solitaria, aun en compañía. Animé a otros seres, hombres o mujeres, que desfallecían. ¡Rosalía! Siempre es nueva su lectura. Termino de leerla y vuelvo a empezar. Siento que no voy a poder terminar mis días en Galicia. Mis bronquios. Pero qué importa, viviré menos, pero volveré…"
Non puido volver, malia o seu desexo. Problemas de saúde atábana a unha máquina, en Barcelona, e alí finou hai dous días. Sempre, sempre ocupará un sitial preferente no meu corazón.