Futuro incerto na reserva de vida da Costa da Morte

Reserva Mariña 'Os Miñarzos' Dominio Público Praza Pública

A medida que se achega o día no que remata o contrato de vixilancia da reserva, aumenta a inquedanza na Confraría de Lira-Carnota. O futuro da área mariña protexida Os Miñarzos, proxecto pioneiro en Galiza e no Estado pola implicación do sector pesqueiro na protección e conservación do ecosistema mariño, depende principalmente de dispoñer dos medios necesarios para loitar contra a sobrepesca e o furtivismo.

Na confraría lembran como o ano pasado se enteraron só unhas horas antes de que expirase o contrato de que a Consellaría do Mar finalmente o prorrogaba outros doce meses. Pasado este tempo, coa crise indo a peor e os recortes aplicándose de xeito indiscriminado, o temor polo futuro é maior ca nunca.

Os Miñarzos, proxecto pioneiro en Galiza e no Estado pola implicación do sector pesqueiro na protección e conservación do ecosistema mariño, depende principalmente de dispoñer dos medios necesarios para loitar contra a sobrepesca e o furtivismo

“Perderíase todo o que se logrou nestes anos -afirma José Antonio Ínsua, Patrón Maior da confraría- , quedaría convertida nunha reserva de papel”. Sen o control que garante o contrato non tería sentido a denominación de reserva pesqueira. “Unha vez declarada unha área mariña protexida, de pouco ou nada serve ter un mapa de cores vivas delimitando a súa extensión se non existen plans de xestión que integren as premisas precisas para protexela”, advírtese no web de WWF, organización que colabora na avaliación dos resultados ambientais da reserva.

A pesar de que as reservas precisan un tempo para dar resultados, o conseguido nos seus cinco anos de vida na dos Miñarzos non é pouco. “Grazas á reserva pesqueira, os peixes, cangrexos e o polbo son máis grandes. O percebe practicamente se duplicou, é a especie que máis se beneficiou a curto prazo”, explica WWF. A vixilancia contratada pola Xunta, que nos comezos da reserva estaba a cargo de tres patróns e catro vixiantes en quendas que cubrían as 24 horas do dia, reduciuse desde abril do ano pasado a 8 horas.

Os propios percebeiros asumiron o reforzo do control para evitar o furtivismo, que no último lustro case desapareceu

Os propios percebeiros asumiron o reforzo do control para evitar o furtivismo, que no último lustro case desapareceu. Estas medidas permiten protexer os pulmóns da reserva, as dúas zonas nas que non se pode facer ningún tipo de actividade pesqueira, e controlar que se respecten as restricións no resto. Na confraría de Lira apostan pola tecnoloxía para abaratar custos. “Poderíase dotar dun dispositivo de control aos barcos autorizados a entrar na reserva, de tal xeito que cun investimento inicial modesto (56.000 euros), quedaría garantida a seguridade para os anos futuros”.

Pero os beneficios non son só medibles exclusivamente en termos biolóxicos e económicos. A aceptación social desta iniciativa amosa un apoio ben amplo, mesmo entre os mariñeiros doutros portos que se poderían considerar prexudicados polas limitacións na pesca. Na zona de Muros estase traballando na creación doutra reserva semellante á de Lira -da que xa hai unha réplica en Cedeira-, e hai dúas propostas máis presentadas á Xunta.

Na zona de Muros estase traballando na creación doutra reserva semellante á de Lira -da que xa hai unha réplica en Cedeira-, e hai dúas propostas máis presentadas á Xunta

A conciencia sobre as vantaxes e a necesidade dunha explotación sustentable dos recursos pesqueiros na costa galega semella ir a máis nas confrarías. E non só nas nosas confrarias... The Economist, a BBC, as televisións austríaca, alemá, xaponesa..., teñen dedicado espazos ás iniciativas de Lira e Cedeira, que tamén xeraron artigos de investigación e teses de master.

En Galiza menos do 1% da área mariña está protexida, lonxe do obxectivo fixado polo bipartito de ter unha reserva por ría e protexer un 10% do espazo.

Porén, en Galiza menos do 1% da área mariña está protexida, lonxe do obxectivo fixado polo bipartito de ter unha reserva por ría e protexer un 10% do espazo. O vindeiro día 30 saberase se Galiza pode aínda aspirar a cumprir o obxectivo do 10% acordado na Conferencia Mundial pola Biodiversidade para o 2020, ou se pola contra camiña na dirección contraria.

O mar de Lira Dominio Público Praza Pública
Reserva Mariña 'Os Miñarzos' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.