Galeras: o parking contra o parque

Vista do parque co proxecto da rotonda superposto CC-BY-SA Praza Pública

O parque de Galeras é unha das principais zonas verdes do centro de Santiago. Atravesado polo río Sarela, é lindeiro á Finca do Espiño, célebre pola opaca operación urbanística que o ex alcalde da cidade planeaba para ela, e está rodeado por edificios de escasa altura. Amplas zonas de céspede, pequenas pontes, xogos infantís e pistas deportivas completan un espazo que é peza fundamental da Compostela verde e a cuxa beira se ergue o edificio do antigo Hospital Xeral de Galicia, dunha banda, e da outra o monte Pío, espazo que alberga a residencia oficial do presidente da Xunta. Este tranquilo entorno da capital galega vén de ver alterada a súa placidez polo enésimo conflito xerado dende o goberno municipal. O Concello prevé construír unha rotonda e un acceso a un aparcadoiro privado nun dos extremos da zona verde. E a veciñanza disponse a defender o seu parque.

A orixe do proxecto hai que buscala nun convenio asinado o 22 de maio de 2013 polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e por José Luis Liñares, representante legal da empresa Tugalu, propietaria do aparcadoiro La Catedral. Nese documento -anexo a esta información- o Concello explica que observou a necesidade de converter a rúa García Sabell, próxima ao parque, nunha vía de dobre dirección para así descargar de tráfico as rúas Carretas e Hortas, moi próximas á Praza do Obradoiro. Doutra banda, a empresa expresa o seu interese "en construír un novo acceso ao aparcadoiro da súa propiedade", o que pasa por riba do parque. Con estas vontades de partida, o consistorio "permite a construción do acceso ao aparcadoiro", que "ocupará parte do espazo público", e a empresa asume a construción da rotonda.

Todos estes pasos, aseguran dende as catro asociacións veciñais da zona, déronse sen que no barrio se soubese nada. Á maioría pasoulle desapercibida a decisión que a Xunta de Goberno Local tomou ao respecto o pasado novembro e "a primeira noticias que temos", explica José Manuel González, secretario da asociación veciñal Aqualume, foi a aparición "dun valado" no parque. "Ningúen informou a veciñanza, os medios de comunicación din que se vai facer unha rotonda e o Concello simplemente di que todo é legal". "Se os informes técnicos din que é necesaria unha rotonda, a veciñanza non ten ningún problema", admite. "O máis grave é a apropiación indebida dun espazo público, dun parque polo que loitamos moito tempo".

O proxecto contempla a construción dunha rotonda e facer pasar por riba do parque un novo acceso para un aparcadoiro privado

"Onde está o ben público?", pregúntase Maribel Beiroa, da asociación Río Sarela. "Benefíciase un particular a costa dun espazo verde público", un "cambio de uso" realizado sen modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal e cun evidente impacto na zona verde, admite. "Defendemos o público, que non se apropien de todo". "Están ocupando un espazo verde con prantas e árbores que vai quedar en cemento", un parque "que é para a cidadanía toda e non para un particular". E "nin sequera hai un cartel" que explique en que consisten as obras.

Mobilización veciñal

Maribel Beiroa e José Manuel González ofrecían estes argumentos a pé de obra no marco da primeira concentración convocada para rexeitar a "privatización" do parque e secundada por uns douscentos veciños e veciñas. Os berros de "non á privatización", "non á corrupción" ou "querémoslle ao parque de Galeras" sucedíanse cando irrompeu na mesma beirarrúa María Pardo, concelleira de Urbanismo e voceira do gabinete de Ángel Currás. "Tiven que vir aquí porque ninguén pediu unha xuntanza comigo", xustificou mentres sostiña un cartafol con copias dun dossier nos que figuraban novas da prensa sobre o proxecto e documentación municipal ao respecto.

A edil de Urbanismo presentouse na concentración veciñal para defender a obra e rexeitar que sexa unha "privatización" de parte do parque

Cos ánimos caldeados pero nun ambiente pacífico Pardo proclamou ante a veciñanza que "vós non vos decatades", pero na zona "vai haber 81 vivendas novas e un centro de saúde e Tráfico considera que é necesaria a construción dunha rotonda". "Vaise facer sen custo para o Concello porque tamén é beneficiosa para un particular, como estades a dicir", aseverou, entre irónicos berros dos presentes que para a edil eran mostra de pouca "democracia". A obra, "que se vai facer", conta "con todos os informes", asegura, e "non hai un cambio de planeamento" nin "privatización de terreo público, porque entón todos os accesos aos garaxes son privatizacións".

"En Galeras, outro Gamonal" coreaban

A apelación aos técnicos formulada pola concelleira contrastou coa argumentación veciñal, máis pragmática e emocional. "Por que nos quitan o noso paseo?", "o garaxe xa ten un acceso", "por que hai que darlle un cacho de parque a ese señor?", "vannos quitar os colectores e a parada do bus!", "o parque é de todos!", rebatíanlle. Mentres agardan por unha entrevista co alcalde a veciñanza non vai ficar parada. Xa preparan a documentación para presentar ante a Fiscalía de Medio Ambiente e, ao tempo, seguen a recoller sinaturas de persoas opostas ao proxecto. "Querémoslle ao parque de Galeras", reiteran. "En Galeras, outro Gamonal", coreou un grupo de veciños de idade avanzada.

Faixa contra a privatización do parque CC-BY-SA Praza Pública
A edil de Urbanismo (dereita), dirixíndose á veciñanza CC-BY-SA Praza Pública
Veciñanza contraria ás obras CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.