Galicia coida a súa sanidade na rúa

Cabeceira da manifestación en Vigo CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Algo máis que un toque de atención e moitísimo máis que unha protesta laboral. Milleiros de persoas culminaron este martes nas rúas das principais localidades galegas a folga xeral no Servizo Galego de Saúde. Mesmo por riba das expectativas, a ducia de cidades e vilas que acolleron as protestas acolleron verdadeiras riadas humanas contra os "recortes" e "privatizacións", unhas marchas que tiveron especial incidencia na Coruña, en Vigo, en Ferrol ou en Compostela.

Coa folga desdeñada pola Xunta dende antes do seu inicio, as organizacións sindicais calculan que o seguimento da protesta superou o 80%, moi por riba do 20% calculado calculado polo Goberno entre "trampas", din. Animadas pola resposta do persoal, os sindicatos sairon á rúa ao carón da cidadanía para advertir da necesidade de coidar a sanidade pública fronte a quen a quere "desmantelar, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas ao mellor postor".

Milleiros de persoas manifestáronse nas principais localidades galegas

"Non á privatización", "hai que recortar o Partido Popular" ou berros a favor da "sanidade universal" porque "ninguén é ilegal" foron a música de fondo dunhas protestas que resistiron con estoicismo o frío para advertir de que as medidas que a Xunta di que non existen xa están aquí. Como exemplos, citan paso a mans privadas da xestión de departamentos como "a plataforma loxística, cociñas e lavandarías, mantemento ou raios", os novos repagamentos ou a derivación masiva de doentes á privada mediante a lei de garantías, acabada de aprobar, converten a sanidade.

Feijóo mantén que a folga foi secundada por "moi poucas" persoas

O persoal sanitario, advirte, "non está disposto a participar" desta operación, tampouco a cambio de "incentivos ligados ao aforro" que son "pan para hoxe e fame para mañá". Horas antes das mareas humanas contra os "ataques" á sanidade Feijóo encargábase de minusvalorar a folga e as manifestacións. Despois de que a conselleira de Sanidade evidenciase que se trataba dunha folga "política" Feijóo reduciuna a unha mobilización "preventiva", toda vez que non hai "motivo para a preocupación". El, asegura, leva "vinte anos dedicándome á sanidade e dende entón se comenta que pode haber interese por privatizar a sanidade. Nada disto vai pasar e quen protestou foron "moi poucas" persoas.

Sanidade para todos, na Coruña CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Pola sanidade pública en Compostela CC-BY-SA Anova Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.