Galicia empeora o seu saldo migratorio con outras autonomías

Saldo migratorio interautonómico das persoas entre 20 e 39 anos (2008-2015) Dominio Público Praza Pública

O Instituto Nacional de Estatística publicou estes venres novos datos de poboación, que inclúen tamén a información provisional relativa a fluxos migratorios correspondentes ao primeiro semestre de 2015. Nos primeiros seis meses do ano, Galicia continuou perdendo poboación (cun saldo negativo de 8.365 persoas), debido principalmente ao incremento das defuncións, que non foi compensado por un leve incremento da natalidade. Xusto esta semana a Xunta anunciou a posta en marcha dun cheque-bebé de 100 euros

Os datos amosan que Galicia mantén un saldo migratorio negativo tanto co resto de España como co estranxeiro, un saldo que no caso das entradas e saídas de poboación en dirección a outras comunidades autónomas leva empeorando dende o ano 2012. Estes datos deben ser tomados con cautela, ao proceder das altas e baixas rexistradas nos padróns. Moitas das persoas que marchan vivir a outro país ou comunidade autónoma non causan baixa de forma inmediata no padrón, e en ocasión o cambio de empadroamento non chega a producirse, se as estadías noutros territorios na procura de traballo son intermitentes ou teñen unha duración curta.

En calquera caso, as tendencias parecen claras. O saldo migratorio exterior, que entre 2008 e 2011 fora positivo para Galicia, tornou negativo en 2012, acadando o seu peor momento en 2013, cun saldo de -3.886 persoas. En 2014 e no primeiro semestre seguiu sendo negativo, pero xa con valores máis equilibrados (319 en 2014 e 134 persoas na primeira metade de 2015). Se analizamos unicamente as entradas e saídas ao estranxeiro das persoas entre 20 e 39 anos, as tendencias son semellantes: en 2013 acadouse o peor dato (-2.884), aliviado en 2014 (-1186) e no primeiro semestre deste ano (-425). Os datos, con todos, seguen sendo moito máis negativos para estes grupos de idade que para as persoas de máis de 40 anos.

O saldo migratorio con outras comunidades autónomas foi positivo entre 2008 e 2012, e comezou a ser negativo en 2013 (-151), caendo aínda máis en 2014 (-1.952) e no que levamos de 2015 (-1.101). Se se mantén a tendencia, os datos finais de 2015 serán aínda peores que os de 2014. Nos caso dos galegos e galegas entre 20 e 39 anos o saldo é xa negativo dende o ano 2011. O pasado ano marcharon 1.968 persoas novas máis das que chegaron (ou volveron) e no primeiro semestre de 2015 o dato é moi semellante (-959).

En 2014, máis de 14 mil galegos e galegas empadroáronse noutras comunidades autónomas e máis de 9 mil rexistráronse fóra de España. No que levamos de 2015 os datos mantéñense (7.248 e 4.582). Dende o ano 2008, os fluxos migratorios dende Galicia a outras comunidades suman un total de 108 mil persoas. E cara ao estranxeiro acumulan máis de 72 mil.  

Nos últimos anos, Madrid foi o principal destino dos galegos e galegas que emigraron, seguido de Cataluña, Canarias e Andalucía. 

Saldo migratorio interautonómico das persoas entre 20 e 39 anos (2008-2015) Dominio Público Praza Pública
Fluxo migratorio de Galicia cara ao exterior (2008-2015) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.