Galicia en tres xeracións de emigrantes

Emiliano e José Mato en 1956, segundo e terceiro pola esquerda © Sara Prieto

"Paseino moi ben e moi mal pero levo unha experiencia para toda a vida", di Emiliano Mato falando dos seus anos de emigrante. El é o vivo retrato da emigración galega dos anos 60. Os seus anos en Francia e Alemaña convertéronse nun conto máis, en algo case mítico para toda a súa familia. Porén, a súa historia non é única, senón que forma parte dunha historia coral que comparten milleiros de familias en Galicia. Unha historia con pasado e con presente. Neste caso o pasado chamábase José e o presente chámase Laura. Entre as 3 historias pasaron máis de 80 anos e moitos cambios.

Máis de 80 anos despois Laura Fernández decidiu tamén deixar Galicia en busca dun futuro mellor en Reino Unido

José Mato colleu as maletas e plantouse en Arxentina a principios de século a buscar un futuro económico mellor para el e a súa familia. Máis de 80 anos despois Laura Fernández decidiu tamén deixar Galicia en busca dun futuro mellor en Reino Unido. Moitas coincidencias pero obxectivos distintos. Tanto José coma Emiliano viaxaron a América e a Europa, respectivamente, a facer cartos o más rápido posible para volver e poder vivir mellor nos seus lugares de orixe. José empezou como carniceiro e despois tivo a sorte de mercar a prazos un pequeno terreo aos arredores de Bos Aires que coa expansión urbanística se revalorizou. Coa súa venda gañou unha boa suma e puido volver ao seu Bergantiños natal onde o esperaban muller e fillos. Alí, na vila de Ponteceso montou unha próspera ferraxaría e ferraría, así como unha casa. Tamén comprou varios terreos para asegurar o sustento da súa familia.

Emiliano Mato, o seu fillo, fixo o propio 30 anos máis tarde. Case por casualidade, mentres traballaba na Coruña, decatouse por uns amigos que buscaban xente para traballar en dous fabricas francesas. Arranxou todos os papeis e marchou á fronteira con Bélxica a empregarse como obreiro nunha fábrica de cociñas. Non durou moito alí, xa que o salario non era suficiente e regresou á súa terra en busca de algo mellor. A seguinte parada foi nuns altos fornos, tamén en Francia, traballo que conseguiu a través do contacto da farmacéutica da vila, que tiña un irmán traballando de químico alí. Alí permaneceu un ano e seis meses, pero unha vez máis pranto. Esta vez porque as condicións de traballo, insalubres, deixaban moito que desexar. E por fin á terceira foi a vencida e a elixida foi a cidade alemá de Stuttgart, onde estivo a traballar cinco anos como carteiro. Ao pouco tempo tamén se trasladou a súa muller, que comezou traballar como cociñeira nunha residencia de anciáns, deixando tres fillos pequenos en Galicia. Con todo o diñeiro aforrado entre os dous conseguiron abrir unha gasolineira na vila, negocio que segue aberto hoxe en día.

Laura buscaba un lugar onde poder levar a cabo os métodos educativos que a ela lle gustaban e que dende logo non aprendera durante os seus anos nas aulas de Educación Infantil

Laura Fernández, a súa neta, tamén decidiu facer as maletas en 2011, en plena crise económica, no entanto os seus motivos non eran xa só económicos. Buscaba un lugar onde poder levar a cabo os métodos educativos que a ela lle gustaban e que dende logo non aprendera durante os seus anos nas aulas de Educación Infantil. Tras unha mala experiencia laboral e vendo as poucas perspectivas que se lle ofrecían decidiu marchar ao Reino Unido facer un máster do método Montessori, unha liña pedagóxica que persegue liberar o potencial de cada neno para que se autodesenvolva nun ambiente estruturado.

Un ano despois atopou traballo e alí quedou. A mellora económica, polo tanto, non é compartida cos seus avós e bisavó, como tampouco o é a volta inmediata a Galicia. Ela xa non vive nas condicións que o facía o seu avó, amoreado nunhas barracas propiedade de correos, senón que comparte piso co seu noivo na vibrante cidade de Bristol. Por que ía querer volver a un lugar que nada pode ofrecerlle? E este é o gran problema ao que se enfronta e enfrontarase a Galicia presente e futura.

Nos primeiros seis meses de 2013 marcharon da nosa comunidade autónoma 12.853 persoas, gran parte deles novos

Nos primeiros seis meses de 2013 marcharon da nosa comunidade autónoma 12.853 persoas, gran parte deles novos. 2.436 galegos de entre 25 e 39 anos marcharon a Europa mentres que 3.410 emigraron ao resto de España, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Con estas cifras o futuro que lle espera Galicia, pinta moi negro. Un país envellecido e empobrecido, sen mozos que teñan descendencia nin paguen a Seguridade Social para manter as pensións dun número cada vez maior de persoas. Todo a iso sumado a unha estigmatización da xuventude, e coa carencia dun firme apoio polo emprego xuvenil, nin proposta de alternativas atraentes, produto dunha visión curtopracista, máis preocupada polas futuras eleccións que polo benestar futuro do país.

As solucións non son doadas, pero son posibles. Galicia é rica, ten a xeración máis formada da súa historia, así como un potencial agrícola e vitivinícola baseado na produción de calidade. O cooperativismo é unha boa alternativa ao desemprego. En 2012 contabilizáronse un total de 18.500 postos de traballo neste sector. A súa expansión internacional é clave para o mantemento destes postos, o que precisa de apoio gobernamental.

O apoio ás novas tecnoloxías, así como ao talento creativo e a investigación son claves para o futuro do país

O apoio ás novas tecnoloxías, así como ao talento creativo e a investigación son claves para o futuro do país. Galicia sempre foi terra de emigrantes, pero se nas xeracións de José e Emiliano Mato os motivos foron o exceso de poboación e a falta de recursos, os da xeración actual son, entre outros, unha poboación envellecida, así como a falta de competitividade dos produtos agropecuarios galegos. Se se solucionan estes problemas, creando postos atractivos de traballo evitarase o panorama ao que parece que imos dirixidos no futuro non moi afastado: unha Galicia despoboada e falta de recursos.

Emiliano e José Mato en 1956, segundo e terceiro pola esquerda © Sara Prieto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.