Galicia, máis verde que nunca polo Monte Pindo

O Pazo de Raxoi, alumeado de verde CC-BY-SA Monte Pindo Parque Natural

O Hórreo de Carnota, a fonte de Catro Camiños da Coruña, a Muralla de Lugo, as casas consistoriais de Santiago, Pontevedra e Ferrol... Dende o serán deste venres e durante unhas poucas horas Galicia foi, se cabe, máis verde ca nunca. Vilas e cidades de todo o país alumearon desta cor algúns dos seus edificios e monumentos máis emblemáticos para amosar o seu apoio á declaración do Monte Pindo como parque natural e así protexelo de vez para evitar episodios como o devastador incendio sufrido en setembro de 2013.

A iniciativa, promovida pola Asociación Monte Pindo Parque Natural no seu quinto aniversario, que se cumpre este sábado, procurou ser un "xesto simbólico de apoio á loita do Monte Pindo" e tamén unha "chamada de atención á Xunta" para que, explican dende a asociación, "se aveña á protección e desenvolvemento sostible do monte" no canto de seguir a "dar portazos". A proposta, lembran, "conxugou un consenso inédito da sociedade", con apoio de 30 persoas expertas e case 200 entidades.

O alumeado simbólico por todo o país foi o primeiro chanzo dunha celebración que se estende durante todo este sábado, xornada que comezou cedo cun roteiro ata A Moa, o cumio do Pindo, situado a 627 metros de altura. O percorrido, sinala a asociación, supón percorrer "a pintoresca subida tradicional dende o lugar do Pindo", cunha visita á Cova da Xoana, tamén coñecida como Revertedemos, "na que a tradición ubica ancestrais ritos pagáns".

Este sábado a Asociación Monte Pindo Parque Natural conmemora o seu quinto aniversario

O programa festivo e reivindicativo continuará contra a tardiña. Os actos serán inaugurados polo alcalde de Carnota, Ramón Noceda e incluirán un recital poético dedicado ao Olimpo Celta, unha homenaxe ao derradeiro cabreiro do Pindo, Pepe do Fieiro, e unha degustación de cócteles preparados polo campión galego desta especialidade, Pedro Sestatyo, veciño do Pindo. A noite estaŕa dedicada a unha cea popular con polbo e churrasco e fin de festa cunha queimada preparada por César Cambeiro, o druida de Caldebarcos, cuxo conxuro tentará tamén "esconxurar o desleixo das institucións co noso entorno", din.

A casa consistorial de Pontevedra uniuse á homenaxe CC-BY-SA Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.