O número de manifestacións convocadas en Galicia mantívose no ano 2018 por riba das 3.500, segundo recollen os datos do anuario do Ministerio do Interior, que se fixo público nos últimos días. Foron en total 3.547, cun leve ascenso con respecto ao ano anterior (3.525). Este indicador mantén unha grande estabilidade nos últimos anos, manténdose dende o 2012 por riba das 3.000 mobilizacións, ano a ano.
Este indicador mantén unha grande estabilidade nos últimos anos, manténdose dende o 2012 por riba das 3.000 mobilizacións anuais
Galicia é dende hai tempo un dos territorios do Estado no que se convocan e realizan máis manifestacións de protesta. Os datos do Ministerio do Interior non inclúen as manifestacións convocadas en Euskadi e Cataluña, por teren transferidas as competencias na materia. En canto ao número de manifestacións convocadas, entre as restantes comunidades Galicia só aparece por detrás de Andalucía (con moita máis poboación) e con cifras semellantes ás de Madrid ou Valencia (tamén con moitos máis habitantes). En canto ao número de manifestacións convocadas en relación coa poboación, Galicia é igualmente a terceira comunidade con máis mobilizacións, só por detrás de Navarra e Cantabria.
Galicia só aparece por detrás de Andalucía (con moita máis poboación) e con cifras semellantes ás de Madrid ou Valencia (tamén con moitos máis habitantes)
Os datos do Ministerio permiten analizar o tipo de mobilización convocada en función da temática da súa reivindicación e tamén do tipo de entidade convocante. No ano 2018 foron os sindicatos quen máis manifestacións impulsaron en Galicia, algo que non sucedía dende o 2015. Isto foi debido a que descendeu o número de mobilizacións convocadas por asociacións cidadás. De igual xeito, aumentaron considerablemente as mobilizacións comunicadas directamente por grupos de traballadores e traballadoras e comités de empresa, fóra dos sindicatos.
As mobilizacións sanitarias mantéñense en niveis máximos e, ademais, aumentaron as manifestacións feministas e ecoloxistas
Os temas laborais foron o principal motivo que levou a convocar as manifestacións, con máis dun terzo do total. No ano 2018 descenderon as manifestacións veciñais e, en cambio, aumentaron moito as realizadas contra medidas políticas e lexislativas. Así mesmo, as mobilizacións sanitarias mantéñense en niveis máximos e, ademais, aumentaron as manifestacións feministas e ecoloxistas.