Galicia perdeu máis de 7.500 empregos públicos en dous anos

Protesta dos empregados públicos en San Caetano CC-BY-NC-SA CIG

A Federación de Servizos Públicos de UGT está a desenvolver unha campaña para alertar do deterioro dos servizos públicos desde a chegada do PP ao poder, tanto no Estado como na Xunta. Baixo o lema Menos servizos públicos. Menos dereitos. Menos emprego, o sindicato denuncia "as políticas de recortes" que están a "desmantelar as administracións públicas". 

O orzamento da Xunta en servizos públicos caeu en máis de 538 millóns de euros desde 2011

A análise, que abrangue os tres últimos anos (2012-2015) destaca a perda acumulada e moi elevada do gasto en servizos públicos, o que supón "unha redución en canto á cobertura e á calidade" destes servizos. En cifras, UGT destaca no seu informe que o orzamento neste ámbito da Xunta caeu desde 2011 en máis de 538 millóns de euros, unha diminución do 8%. Por áreas de actuación, a caída foi do 6,7% en acción e promoción social -cunha diferenza de 50 millóns entre 2015 e 2011-; do 49% en promoción do emprego (dos 354 millóns de hai catro anos aos 193 dos últimos presupostos); do 4% en sanidade; do 8% en educación ou do 32% en cultura, con case 30 millóns menos que en 2011. 

O gasto en promoción de emprego caeu case un 50% en catro anos; a redución en cultura foi do 32%

Estes elevados recortes orzamentarios chegaron, como lembra UGT, derivados do Plan de Estabilidade que o Goberno central presentou ante a UE e que consistiu en "recortar o financiamento das administracións públicas coa escusa de reudcir o déficit". "E a consecuencia é clara, a menor orzamento, menos servizos e menos dereitos", insiste o sindicato, que renega do lema que o PP e o Executivo utiliza para presumir de logros na administración pública: "Máis, con menos, peroo mellor". "Queda totalmente rebatido pola situación real destes servizos públicos, a merma da súa calidade e cobertura e o desampara da cidadanía... Tórnase, xa que logo, en 'menos, con recortes, e moito peor", engade. 

A actitude por parte do Goberno, segundo UGT, provocou que as súas medidas durante a presente lexislatura estivesen "baseadas exclusivamente en tres premisas, reducir os servizos públicos en extensión, cobertura e calidade; unha aplicación moi rigorosa do novo artigo 135 da Constitución para reducir o investimento público e social coa escusa da redución do déficit; e a supresión de empregados públicos e empeoramento das súas condicións laborais".

UGT denuncia tamén a "externalización de funcións e actividades" que acada "cotas alarmantes no sector público"

O sindicato denuncia tamén a "externalización de funcións e actividades", que acada "cotas alarmantes no sector público" ou o "revisionismo legal destinado a reducir a extensión e cobertura destes servizos públicos aos cidadáns" a través de numerosas normativas e leis que acaban por prexudicar a poboación.

Do mesmo xeito, o informe insiste nun volume de emprego público "baixo mínimos" provocado polos "recortes en gastos de persoal, as taxas de reposición, amortizacións, xubilacións, despedimentos ou externalizacións" que "reduciron drasticamente" o persoal. Isto provoca que se "poña en perigo a correcta prestación de servizos públicos á cidadanía, tal e como aparecen configurados na Constitución", xa que estes empregados públicos "son os que garantenn o desenvolvemento do Estado de Benestar". 

Galicia tería perdido máis de 7.500 empregos públicos en dous anos, moitos máis de ter en conta os contratos temporais e de substitución

Desde 2012 e ata 2014, en Galicia teríanse perdido 7.524 empregados públicos. 1.510 teríanse eliminado na Administración Xeral do Estado, 108 en Educación, 749 na Xunta e 4.900 na Administración Local. Non se inclúen nestas cifras, non obstante, os contratos temporais e de substitución Ademais, e en canto ao Sergas, os datos oficiais da Administración galega falan de 257 traballadores menos, pero segundo un estudo de FSP-UGT, a perda de emprego público no ámbito sanitario ascendería a 1.005 persoas no mesmo período. 

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo
Mobilizacións dos empregados públicos CC-BY-NC-ND CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.