Galicia reforza a súa loita cara á abolición das touradas

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

A piques de cumprir seis anos de vida, a plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST) colle un enorme impulso logo de anunciar o acordo ao que vén de chegar coa Fundación Franz Weber (FFW), referente da loita pola abolición en Europa, para que esta se adhira ao colectivo galego, que pasará a contar desde xa co apoio, a infraestrutura e a achega económica dunha institución que conta con máis de 250.000 socios, simpatizantes e doantes no continente.

A adhesión de Franz Weber a Galicia Mellor Sen Touradas fornece o colectivo galego de maior infraestrutura, máis recursos económicos e unha maior visibilidade

A colaboración que GMST e FFW experimentaran xa nos últimos meses -e que posibilitou a creación da Fronte Antitaurina no Parlamento, a celebración de varios foros no país ou a axuda en diversas campañas- tradúcese agora nun acordo máis amplo que fornece de máis infraestrutura, recursos económicos e achegas de importantes expertos á loita contra as touradas en Galicia, territorio que a Fundación Franz Weber recoñece como "un dos mellores situados para acabar cos espectáculos taurinos", o que a levou a concretar esta unión.

"Non seremos unha sucursal nin meros receptores de fondos, senón que faremos cousas de xeito conxunto; conservamos a nosa independencia e incluso a fortalecemos", asegura Rubén Pérez, que pasa agora a ser único voceiro da alianza dos abolicionistas, logo de que o acordo implicase a desaparición da marca europea Galicia, Better Without Bullfights, que exercía como oficina de relacións con asociacións doutros Estados.

A Fundación confirma o seu apoio ao colectivo galego por ser Galicia "un dos territorios mellor situados para acabar coas touradas"

"Estamos moi contentos cun acordo histórico que internacionaliza a oposición á tauromaquia en Galicia", confirma Leonardo Anselmi, director de FFW para Europa e Suramérica, que gaba o "traballo encomiable e axustado perfectamente á filosofía da Fundación" que GMST desenvolve no país. "O seu interese por investigar e descubrir o uso de cartos públicos para organizar ou promocionar touradas converteuse nun recoñecemento continuo cara a esta plataforma nos foros internacionais", engade.

O acordo, que implica que a FFW -fundada en 1975- teña poder de decisión pero non de veto, supón tamén unha "maior profesionalización" dun colectivo que, malia a súa importante actividade, estaba obrigada a "un activismo low cost, case de guerrilla", tal e como recoñece Rubén Pérez, que lembra que GMST "non ten socios, senón que se financia coas doazóns e achegas" que chegaban de plataformas como a Fundación Libera ou CAS Internacional, dúas das tres -xunto a Stop Our Shame- que formaran unha alianza que agora muda. E o salto é ben importante, xa que mentres CAS mantiña unha base de entre 20.000 e 40.000 socios, Franz Weber conta con máis de 250.000, principalmente en Suíza, Alemaña, Francia e Bélxica, ademais dunha importante rede comunicativa que inclúe un xornal trimestral cunha tirada mínima de 100.000 exemplares.

O acordo permitirá a Galicia Mellor Sen Touradas intensificar a súa loita pola abolición tanto na rúa como nas institucións

O financiamento de GMST, porén, non será pechado para un ano, senón que se determinará mediante "estratexias a varios anos vista" e dependerá das achegas de simpatizantes, socios ou doantes. Non será unha diferenza significativa, agás nas posibilidades que abre e que a plataforma galega xa experimentou nalgúns casos, como na colaboración da FFW para publicitar a histórica manifestación antitaurina celebrada na Coruña no pasado verán. "O acordo reforza o noso compromiso de ser independentes de formacións políticas e institucións; a cooperación excesiva coas administracións faríanos perder precisamente esa independencia e o rexeitamento dos cartos públicos é o que nos permite continuar o noso camiño", explica Rubén Pérez.

As mocións contra as tourada nos concellos galegos e unha nova enquisa sobre a tauromaquia son os seguintes obxectivos

"A Fundación Franz Weber permitiranos explorar novas fórmulas de campañas e iniciativas para continuar avanzando xunto a sociedade galega no proceso para abolir as corridas de touros na comunidade; hoxe estamos un pouco  máis preto", insiste o voceiro de GMST, que explica que as próximas mocións que se presentarán nos concellos galegos para rexeitar as corridas e o seu financiamento público serán o vindeiro obxectivo dun colectivo que, grazas ao apoio de FWW, ten previsto realizar unha nova enquisa sobre as touradas entre a poboación coruñesa e que se estenderá despois ao conxunto de Galicia.

Son dúas campañas máis de Galicia Mellor sen Touradas, que en tan só seis anos conseguiu levar á rúa e á sociedade en xeral un debate moito tempo agochado. E fixo moito máis. Presentou 100.000 sinaturas no Parlamento como paso previo a unha ILP, convocou unha histórica manifestación na Coruña contra os festexos taurinos ou artellou a Fronte Antitaurina na Cámara (a primeira nun parlamento autonómico no Estado) que logrou levar unha proposta de abolición (e que foi botada abaixo pola disciplina de voto do PP) ao Hórreo. Iniciativas que non fixeron máis que confirmar na rúa e na política os datos das enquisas, que sitúan Galicia como un dos territorios que obvia e rexeita unanimamente as corridas de touros, que tan só conta con oito eventos deste tipo ao ano e que, tal e como advirten GMST e FFW, xa segue o camiño de Cataluña para acabar con elas "a medio prazo".

Xornadas pola abolición, con Mulà e Anselmi CC-BY M. Pereira
Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.