Galicia rexistra a maior cifra de suicidios en vinte anos

Os suicidios adoitan estar ligados a doenzas mentais CC-BY Daniel Lobo

No ano 2014 morreron en Galicia 181 persoas en accidentes de tráfico, 161 se só se contan os vehículos a motor, unha vintena máis que un ano antes. Ese incremento de mortes nas estradas foi o primeiro tras case vinte anos de baixadas, se ben a redución segue a ser notabilísima: case do 75% dende mediados dos anos 90. Malia esta redución a relevancia social da problemática dos accidentes de tráfico e da necesidade da súa prevención segue a ser moita e, en todo caso, moi superior ao doutra causa de morte que duplica os falecementos, os suicidios, que durante 2014 acadaron en Galicia o seu maior nivel en vinte anos.

O INE vén de facer públicos os rexistros de mortalidade máis recentes, os de 2014, e neles rexístranse 371 falecementos por autolesións e suicidios. Son case 40 máis que un ano antes e practicamente iguala o maior rexistro da serie histórica, que comeza en 1980. Ata 2014 o maior número de suicidios en Galicia fora o de 1993, con 372 persoas mortas por esta causa. No que vai de século a cifra superior era a de 2009, con 340 persoas, e dende o ano 2008 as mortes por suicidio superan ás provocadas polos accidentes de tráfico.

Os datos do INE permiten observar tamén que a distribución das persoas que decidiron rematar coas súas propias vidas é dispar en canto a idades, pero moito máis no que atinxe ao sexo. A franxa de idade máis abondosa entre quen se suicidaron en Galicia durante 2014 é a de 30 e 39 e nela, tres de cada catro persoas que se suicidaron eran homes. A proporción dentre o 65% e o 80% mantense en todas as franxas de idade, segundo as segundas máis avultadas a de persoas de entre 45 e 49 anos, de 65 a 69 e de 80 a 84 anos. No 2014 non se rexistraron suicidios de menores de 15 nin de persoas maiores de 95 anos.

A taxa galega de suicidios é das maiores do Estado e supera en cinco puntos a media de España

As cifras de suicidios rexistrados en Galicia durante 2014 son un chisco superiores ás estimadas o pasado ano polo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), que auguraba un número récord e o elevaba ata as 390 persoas. Alén das cifras, os profesionais deste eido da medicina analizan dende hai tempo as causas que hai por tras do suicidio en xeral e dos que suceden en Galicia en particular, toda vez que as taxas por cada 100.000 habitantes son das máis altas do Estado -xunto a Asturias e Castilla y León- e superan moi notablemente a media estatal -13,54 en Galicia fronte a 8,42 en España en 2014-.

O Movemento Galego da Saúde Mental e expertos da UDC ligan o incremento dos suicidios coa crise

Segundo Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do CHUS de Santiago e voceiro do MGSM, "o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado da sociedade" e, aínda que as orixes son diversas, ao seu xuízo si cabe ligalo ao "cambio significativo nas condicións de vida da cidadanía" que a crise económica contribuíu a agravar. As reflexións de García Álvarez coinciden coas formuladas recentemente polo grupo de investigación Macrosalud da Universidade da Coruña. No seu estudo Crisis, suicide and productivity losses in Spain, recollido pola prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics, estes investigadores da UDC concluían a existencia dunha relación "moi significativa" entre a crise e o incremento dos suicidios, baseándose para isto no cruzamento de datos de emprego ou crecemento económico cos rexistros destes "falecementos prematuros".

Alternativas para abordar o problema

Voces expertas recomendan previr o suicidio cunha combinación de políticas sanitarias, sociais e de emprego

Nun contexto no que aínda existen fortes discrepancias nos ámbitos políticos, sociais e mesmo mediáticos sobre a conveniencia ou non de tratar publicamente a cuestión do suicidio, estas voces expertas debullan tamén as que, ao seu xuízo, deberan ser as vías para abordar esta problemática, tanto en xeral como, concretamente, en Galicia. "Hai unhas recomendacións moi claras da OMS para reducir este risco e non se tomaron medidas", di Miguel Anxo García Álvarez, que subliña entre estas medidas a necesidade de "reforzar a rede sanitaria, e sobre todo a atención primaria para unha detección temperá". Cómpre tamén, di, "reforzar os recursos de saúde mental" e, paralelamente, "impulsar políticas de emprego" que atallen "o paro desesperanzado, un factor de alto risco para as condutas suicidas", di o psicólogo.

Nun sentido semellante, o grupo de investigación Macrosalud apunta a necesidade de "contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables" e, máis concretamente, nas persoas en situación de desemprego. De xeito paralelo, os expertos da UDC instan as Administracións públicas a deseñar programas específicos "de prevención do suicidio" que traian consigo o "adestramento" dos profesionais do Servizo Galego de Saúde "na identificación do problema nos seus estudos máis temperáns".

Os suicidios adoitan estar ligados a doenzas mentais CC-BY Daniel Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.