Galicia tamén quere auditar a débeda "ilexítima"

Manifestación do 13 de outubro en Ourense contra a "débeda odiosa" Dominio Público @_Oscar_Sanchez

Auditar a débeda desde a cidadanía. Ese é o obxectivo que se marcan diversas organizacións, colectivos comarcais e persoas a nivel particular de toda Galicia, que se reunirán este sábado no II Encontro Galego sobre a Auditoría da Débeda. No Centro Sociocultural de Fontiñas (Compostela) e a partir das 10.30 horas, este colectivo xuntarase logo da reunión celebrada xa en outubro e no que se puxo en marcha un movemento baseado no que xa está organizado a nivel estatal.

O movemento desta auditoría cidadá da débeda debate este sábado converterse no nodo galego da organización estatal

A plataforma Auditoría Ciudadana de la Deuda denuncia desde hai meses "o mecanismo de explotación da débeda e as políticas económicas e financeiras que provocaron a crise, así como os programas de austeridade que se lle están a impoñer ao pobo para xestionala". Ese é tamén o obxectivo deste movemento galego que debaterá o sábado se se converte no nodo galego da iniciativa estatal.

Parece que así será. "Logo da reunión celebrada en outubro, decidimos darnos un tempo para informarnos, formarnos, facer divulgación e xuntar xente; o obxectivo era saber se nos encontrabamos con forza para seguir adiante e creo que si temos esa forza", explica Berta, unha das participantes nun proceso que hai catro meses xa conseguiu implicar a unhas corenta persoas e que conta incluso xa con grupos comarcais.

A auditoría desta débeda serve para "esclarecer a lexitimidade ou ilexitimidade da mesma"

Tal e como aclaran desde AuditoriaGz, a análise desta débeda serve para "esclarecer a lexitimidade ou ilexitimidade da mesma", o que funciona tamén como "un poderoso instrumento de empoderamento da sociedade que persegue a transparencia e o control democrático do Estado e dos seus gobernantes".

Desde hai anos, e tras a chegada da crise, o discurso dominante da clase política insiste en que a saída da crise pasa polo recorte continuo dos orzamentos destinados a fins sociais nas distintas administracións. Porque para os gobernantes, o motivo desta continua austeridade é o alto endebedamento do Estado e do conxunto das administracións, unha xustificación compartida nos países do sur de Europa onde máis se están a sufrir os axustes impostos pola troika e os gobernos que seguen as súas directrices.

Pero hai múltiples datos que contradin este discurso dominante sobre unha débeda "ilexítima" que serve como argumento para levar a cabo máis e máis recortes que empobrecen a sociedade. Desde a plataforma estatal e desde este nodo galego inténtase auditar a devandita débeda e demostrar as inxustizas dunha prioridade de pagamento que incluso foi imposta na Constitución.

"O que nos contan da débeda é que as administracións públicas son as causantes e que por iso a ten que pagar a sociedade, pero isto non é real porque, por exemplo, a débeda das administracións públicas é só dun 20%, fronte ao 80% que supón a privada, e que provén principalmente dos bancos e das compañías do Ibex 35", conta Berta, poñendo tan só un exemplo das falsidades que se intentan desenmascarar, con datos e análise profunda, con esta iniciativa. En definitiva, auditar.

Unha das funcións que asumiría este nodo galego, por exemplo, sería a de "analizar con detalle os orzamentos públicos, definir en que se empregan os cartos e explicar cal é o mecanismo desta débeda para comprobar e demostrar que parte dela é responsabilidade da cidadanía é que parte non".

"O que se está a facer é xerar débeda para salvar bancos, os mesmos bancos que logo fan negocio con esa débeda", insiste Berta, que engade que esta problemática "é o fío condutor" a partir do que se explican tamén os recortes orzamentarios, a menor protección social e sanitaria, o empeoramento da educación, os despidos ou a precariedade.

O movemento busca que a cidadanía sexa a verdadera auditora da débeda para "dinamizar, radicalizar e poñer en marcha cara á súa emancipación unha sociedade xa revolta"

A campaña, en definitiva, pretende que a cidadanía sexa a verdadeira auditora da débeda pública para contribuír así a "dinamizar, radicalizar e poñer en marcha cara á súa emancipación unha sociedade xa revolta contra os plans de austeridade e o sistema que os xera". Con este movemento galego, e cos que se desenvolven no Estado e en toda Europa, "axúdase e anímase á auto-organización dos cidadáns en colectivos de loita contra a débeda e a austeridade", co fin de que o pobo "se familiarice tanto co control cidadán dos actos dos de arriba, como coa idea de que a xente é capaz de xestionar democraticamente o cotiá". Xa que logo, coñecer, informar, divulgar e controlar uns principios que se dan por válidos, pero que acaban

Manifestación contra a débeda ilexítima en Barcelona CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.