Galicia, un país de vellos pero cos vellos que máis anos viven

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta

Galicia é un dos países máis envellecidos de Europa, pero tamén unha das rexións con maior esperanza de vida. Así o aclara a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), que presenta este luns na Coruña o seu 25º Congreso -que se celebrará no vindeiro mes de maio- e que deita luz sobre a situación dos máis vellos do noso lugar.

Así, e segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2012, en Galicia residen na actualidade algo máis de 2,78 millóns de persoas, das que case 636.000 teñen máis de 65 anos, polo que o 22´9% dos galegos atópase na "mal nomeada terceira idade", como aclara a SGXX. Destas persoas maiores, case 100.000 superan os 80 anos e unhas 1.200 a centena, principalmente en áreas de poboación de Ourense e Lugo que, tomadas de xeito individual, "son as primeiras do mundo en envellecemento, por riba ata de zonas xeográficas similares de Xapón".

Galicia conta cunha idade media de esperanza de vida de 82 anos, a maior de Europa tras Francia, algo "inimaxinable hai só un século"

Porque Galicia segue a ser a segunda comunidade autónoma máis envellecida de España, tan só superada por Castela e León. Xa que logo, o país segue a ser vello, pero, tal e como aclara a SGXX, é considerada unha sociedade desenvolvida, xa que acadou, a través da promoción dos hábitos saudables e a prevención das enfermidades, "diminuír a morbilidade e a mortalidade, e xa que logo alcanzar unha esperanza de vida ao nacer inimaxinable hai só un século (menos de 40 anos)".

Na actualidade, a idade media de esperanza de vida en Galicia é de 82 anos: 79 para os homes e 85´8 para as mulleres, o que supón o maior índice de Europa tras o francés, que é de 83 anos de media. No entanto, e malia estes datos positivos -a alta esperanza de vida e o maior logro do desenvolvemento moderno polo que supón vivir máis e con maior calidade de vida-, "non se pode obviar que tantas persoas maiores tamén supón grupos máis numerosos de suxeitos con patoloxías relacionadas coa idade que poden derivar en discapacidade primeiro e en dependencia finalmente".

A Sociedade Galega de Xerontoloxía advirte de que "os logros asociados á esperanza de vida poden perderse" pola falta de investimento en I+D+i

De feito, e tal e como indica a SGXX, segundo os datos máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE), en Galicia perto de 200.000 persoas maiores de 65 anos presentan "algún tipo de discapacidade". "Delas, aproximadamente 40.000 reciben algunha prestación do sistema de atención á dependencia", insiste.

Por esta razón, e ante a grave crise actual, a SGXX advirte que, aínda que o envellecemento asociado á esperanza de vida como elemento de desenvolvemento é un concepto moi alentador, "tamén é verdade que na actual situación económica, moitos dos logros neste ámbito poden perderse”. Así o asegura José Carlos Millán Calenti, presidente da Sociedade Galega de Xerontología e Xeriatría, que cre que “é necesario poñer en valor o significado das tres letras I+D+i (Investigación+Desenvolvo+innovación) porque posiblemente sexan a orixe de todo o avance xerado na sociedade moderna”, engade.

A investigación, insiste, tanto metodolóxica ou científica, como empírica, “alcanzou un benestar, envexa doutras poboacións, que temos que manter e velar mediante o oportuno incremento do financiamento”. Para iso, indica, “hai que convencer a quen administra os Orzamentos, é dicir, á clase política, en xeral, pouco crente con todo o que non reachega un retorno inmediato en forma de votos ou agradecementos”. “Sen investigación non hai desenvolvemento e sen desenvolvemento volveremos a épocas pasadas”, engade.

A SGXX lembra que no ano 2000 España dedicaba un 0´91% do PIB a I+D fronte ao 1´39% no 2010, moi por debaixo da maior parte dos estados europeos, por exemplo Finlandia (3´87) Suecia (3´42) Alemania (2´82) ou ata Portugal (1´59). "E é unha porcentaxe que desde ese ano ha ir diminuíndo alarmantemente", advirte. "Menos diñeiro significa menos liñas de investigación e proxectos aprobados, sen dúbida un claro retroceso neste campo, nun momento en que parecía que empezabamos a potencialo", di.

Ademais, a SGXX tamén critica o pouco peso do Orzamento galego en I+D (dedicaba en 2010 o 0´96% e o 0´91% un ano despois) e destaca que a maior parte da investigación" realízase desde as universidades, que aínda son moi poucas en comparación con outros países, así como as empresas que cren nesta actividade como fonte de desenvolvemento, financiamento e progreso".

A SGXX presentará no seu vindeiro congreso os resultados das principais investigacións no ámbito do envellecemento en Galicia

Ante esta situación, a SGXX quere poñer en valor "a loita continua dos profesionais e os investigadores do sector", tendo en conta a situación económica actual, así como "a súa repercusión sobre a maior parte dos grupos de investigación da nosa comunidade, na que os medios se han ir recortando paulatinamente".

Así, baixo o lema Investigación, Desenvolvemento e Innovación en Xerontología e Xeriatría a sociedade organiza na Coruña os vindeiros 10 e 11 de maio o seu 25º Congreso, onde ademais de debater e comparar os resultados de investigación en Galicia no campo do envellecemento, poñerase en valor esta actividade como fonte de desenvolvemento e coñecemento. Un foro no que se dan cita especialistas de ámbito internacional e no que se presentarán os resultados das principais investigacións no ámbito do envellecemento en Galicia,  comunidade "que sen dúbida se atopa á vanguardia deste sector en Europa".

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.