Galicia únese ao Tren da Liberdade contra a lei do aborto que prepara o Goberno central e que chegará o vindeiro 1 de febreiro a Madrid no que será unha protesta masiva de centos de mulleres chegadas de todo o Estado contra as intencións do ministro Gallardón. A asociación Ve-la Luz -que saltou ás portadas nos últimos meses polo seu activismo e as dúas folgas de fame para protestar contra a desprotección das vítimas do maltrato machista- será quen no país organice unha marcha que reclamará que se manteña a actual Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo. Que continúe vixente a normativa instaurada polo anterior Executivo -e que é acorde á lexislación na maioría de países europeos- e que se paralicen as intencións de situar España entre os territorios cunha das normativas máis restritivas e conservadoras do continente.
Á iniciativa que partiu de dúas asociacións de Asturias uníronse xa mulleres de todas as comunidades autónomas da península
A iniciativa deste tren partiu no pasado Nadal de Asturias, onde a Tertulia Feminista Les Comadres, xunto coa asociación Mujeres por la Igualdad de Barredos, decidiron ir berrarlle a Gallardón a súa indignación. Organizaron a viaxe e adiantaron os cartos do seu peto, pero o éxito da súa convocatoria fixo que se acabasen os 150 billetes e que moitas das interesadas decidiran viaxar en coche ou autobús.
Foi daquela cando empezou o goteo de asociacións feministas, plataformas polo dereito ao aborto e colectivos varios que desde varios puntos do Estado decidiron secundar a protesta e organizar viaxes en tren para unirse á marcha ou unirse á traxectoria do ferrocarril que chega desde Asturias para converxer na estación de Atocha de Madrid. Córdoba, Granada, Málaga e Sevilla en Andalucía; León e Valladolid; Barcelona, Tarragona e L'Hospitalet en Cataluña; Donostia en Euskadi... E así ata completar todas as comunidades autónomas da península. Tamén Galicia, a través de Ve-la Luz.
"Queiramos ou non, onde se cambian leis como esta é en Madrid e non en Galicia", di Ve-la Luz
"Decidimos organizar o noso tren porque, queiramos ou non, onde se cambian leis como esta é en Madrid e non en Galicia", explica Gloria Vázquez, presidenta da asociación, que aclara que xa hai 70 persoas apuntadas para viaxar -tanto no tren que sae desde A Coruña como no que sae desde Pontevedra- e que apenas quedan 20 prazas libres. A viaxe custa 65 euros en clase turista e 95 euros en coche-cama, os billetes resérvanse contactando coa asociación e pódese subir a el tamén en Compostela, Ourense e Vigo.
"Galicia ten que estar repersentada alí", insiste Vázquez, que aclara que Ve-la Luz está a contactar tamén con empresas de autobuses para reservar prazas e ante a posibilidade de que se esgoten os billetes de tren. O obxectivo do colectivo, ademais de protestar contra a contrarreforma da lei do aborto, é tamén "visibilizar a eterna problemática do terrorismo machista que leva asasinado sete mulleres en España no que vai de ano". "O Goberno di defender os fetos e os non nacidos, pero esquécese das mulleres que morren asasinadas", insiste.
A idea da marcha é que todas as mulleres que se acheguen a Madrid saian desde a estación de Atocha cara ao Congreso dos Deputados e previo paso polo Ministerio de Sanidade. Unha vez chegadas á Cámara, os organizadores queren rexistrar o manifesto Porque eu decido para que chegue ao presidente do Goberno, ao ministerio de Xustiza, á ministra de Sanidade e ao presidente do Congreso. Ademais, tamén se entregará o texto ao todos os grupos parlamentarios.
Unha manifestación percorrerá Madrid ata chegar ao Congreso, onde se entregará un manifesto contra a reforma da lei do aborto
Xa á tarde, todas as organizacións presentes celebrarán unha asemblea desde as 15 horas na sede de CCOO en Madrid e na que se acordarán iniciativas conxuntas para a loita contra a reforma da lei do aborto. "Soas no podemos; temos que unirnos e loitar, porque se esa lei acaba saínda de Madrid, pouco ou nada poderemos facer desde Galicia", insiste Gloria Vázquez, presidenta de Ve-la Luz, que recoñece as "dificultades" que para o seu colectivo supón organizar este Tren da Liberdade. Unha asociación que segue a reclamar axuda, como a que pide a empresas de construción ou mobles para poder arranxar o seu local, con graves problemas de humidade e falta de mobiliario.