Galicia únese ás Marchas da Dignidade do 22 de marzo

Cartel das Marchas da Dignidade Dominio Público Praza Pública

Galicia achegará unha das Marchas da Dignidade que desde varios puntos do Estado confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español". Nunha xuntanza celebrada o pasado mércores en Compostela, os sindicatos CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, SLG e STEG acordaron pór en marcha a Plataforma Galega de apoio a esta iniciativa e que ten como obxectivo organizar as protestas que sairán desde o país para unirse á protesta.

CUT, CGT, SLG, STEG e outros sindicatos acordaron pór ne marcha a Plataforma Galega en apoio ás Marchas da Dignidade

Así, a plataforma vén de facer unha convocatoria aberta para o vindeiro martes 11 no Centro Social Gentalha do Pichel de Santiago e na que chama a unirse a "todos os colectivos sociais, asociacións, plataformas de afectados, organizacións políticas, grupos veciñais, intelectuais, artistas e todo tecido dos movementos sociais de Galicia preocupados pola conxuntura que estamos a sufrir como cidadáns e como país".

Galicia  unirase así ás columnas cidadás que se xuntarán en Madrid para dicir "basta" ás políticas do Goberno e da troika

Os sindicatos piden así a unión a esta Plataforma Galega para unirse tamén ás Marchas da Dignidade que "están a aglutinar a maioría do movemento sindical alternativo, as organizacións políticas anticapitalistas e os movementos sociais ao longo do Estado español". Diversos colectivos que se organizarán en "diversas columnas de cidadáns dos distintos territorios e nacións do Estado para dicir basta xa á política do Executivo e da troika". Un chamamento para apoiar unha iniciativa que cualifican de "galega, solidaria e internacionalista", que ten un mail de contacto (marchasdadignidade@gmail.com) e que xa contaba con algunha iniciativa desde o país na blogoesfera e nas redes sociais.

"Pan, traballo e teito para todos e todas"

Todas as marchas que confluirán en Madrid, e que chegan de todas as autonomías do Estado, fano uníndose a un manifesto común no que advirten dunha actual situación "extremadamente difícil, límite, de emerxencia social e que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos". Resumen a proclama nun lema: "Non ao pago da débeda, nin un recorte máis. Fóra so gobernos da troika. Pan, traballo e teito para todos e todas".  

"Non ao pago da débeda, nin un recorte máis. Fóra so gobernos da troika. Pan, traballo e teito para todos e todas"

Lembran que millóns de traballadores están sen emprego, unha situación "humillante" e que está a estragar "o talento colectivo dunha sociedade e hipotecando o seu futuro". Ademais, advirten dos centos de miles de familias que perderon a súa casa, un acto "inhumano" que "alimenta a voracidade insaciable duns banqueiros en escrúpulos alimentados á vez por Estados servos da troika".

Do mesmo xeito, os convocantes das Marchas da Dignidade denuncian que a patronal "aproveita o drama do paro masivo" para "rebaixar os salarios e as condicións de traballo" dos empregados que son "explotados polo capital". "É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro", di un manifesto que recorda que a mocidade "non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno" e ten que saír á emigración.

"É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro"

Ademais, denuncian tamén "un sistema patriarcal que rouba o dereito a decidir sobre os nosos corpos", outra das "políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da troka", que "rouban dereitos e empobrecen a maioría social" e "privatizan o rendíbel mentres recortan en saúde, ensino, dependencia, auga, enerxía ou servizos sociais".

"Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas", asegura un texto que alerta sobre "o roubo da liberdade" e sobre "a descomposición do réxime xurdido da Constitución de 1978".

"É importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social"

Por todo, as Marchas da Dignidade chaman aos pobos "a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas". "É importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social", lembran, polo que instan a manifestarse "contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agreden e non nos representan".

Por último, exixen "que se vaia o goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da troika". "Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos os madrileños e madrileñas a saíren á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social", remata.

Cartel das Marchas da Dignidade Dominio Público Praza Pública
Cartel da CUT en apoio ás Marchas da Dignidade © CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.