Galicia volve sacar mala nota na atención á dependencia

Unha muller en situación de dependencia, en cadeira de rodas © ensociedad.es

Outro suspenso. Galicia volve sacar mala nota no desenvolvemento do Sistema de Atención á Dependencia, tal e como se tira do 11º Ditame do Observatorio da Dependencia presentado o pasado sábado en Madrid e feito público ao completo esta semana. Así, a comunidade autónoma galega obtén unha puntuación de 4,6  puntos sobre os 10 de máximo no ditame do mes de xuño de 2012, o que supón de novo unha cualificación peor á da media estatal (4,9) e idéntica a obtida seis meses antes e no mesmo período de hai dous anos.

A puntuación galega é peor que a da media estatal e idéntica á de hai seis meses e dous anos

Os resultados deste ditame, elaborado pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, baséanse en doce indicadores para avaliar o desenvolvemento da atención á dependencia en todos os territorios do Estado, dos que Galicia volve saír mal parada. De feito, tan só Murcia, Madrid, Asturias, Ceuta e Melilla, Baleares, Canarias e a Comunitat Valenciana sacan peor puntuación tras facer unha media no cumprimento dos devanditos indicadores. Castela e León, Euskadi e Andalucía mantéñense como as máis responsables no desenvolvemento da dependencia, con notas que van desde o sobresaliente até o notable.

Atendendo aos diferentes indicadores, Galicia mantén unha mínima taxa de persoas beneficiarias na atención á dependencia, dun 1,29%, fronte ao 1,6% estatal, ao igual que na porcentaxe de solicitudes sobre o conxunto da poboación, con tan só un 3,24 por cada 100 persoas, tamén por baixo da media de España, que se sitúa no 3,4%.

En Galicia hai un 40% de persoas con dereito á atención que están pendentes de acceder á prestación ou ao servizo

En canto ao número de ditámenes elaborados, a comunidade autónoma tampouco aproba. Nin moito menos, xa que a súa taxa sitúase no 2,78% fronte ao 3,2% do conxunto do Estado. No entanto, un dos indicadores nos que o país sae mal máis parado é aquel que establece a cantidade de persoas con dereito a atención que están pendentes de acceder a unha prestación ou servizo. Nese caso, a taxa sitúase no 40% en Galicia, só superado polo 55,14% de Canarias e moi lonxe da media estatal (26,3%) e de comunidades como Castela e León (5,71%). 

Evolución da puntuación das comunidades autónomas
CC.AA. Decembro 2009 Xuño 2012
Castela e León 5,8 9,6
Euskadi 6,7 7,9
Andalucía 6,7 7,5
A Rioxa 6,7 6,7
Castela-A Mancha 6,7 6,3
Aragón 6,3 5,4
Cataluña 4,2 5,4
Estremadura 3,3 5,4
España 4,1 4,9
Cantabria 5,4 4,6
Navarra 5,8 4,6
GALICIA 4,2 4,6
Murcia 0,8 4,2
Madrid 1,7 4,2
Asturias 4,6 3,8
Ceuta e Melilla 2,9 3,3
Illes Balears 2,5 2,5
Canarias 0,4 2,1
Comunitat Valenciana - 0,4

Pero hai datos positivos. No equilibrio entre as prestacións e o servizo, Galicia supera a media estatal, ao igual que na integración da dependencia en servizos sociais básicos, xa que nese caso tan só tres autonomías non teñen este sistema integrado a nivel xeral.  Tamén se aprecia unha mellora no incremento das persoas atendidas nos últimos doce meses. Neste último caso, o aumento na comunidade autónoma foi do 19,7%, só superado por Castela e León.

No entanto, hai un dato que reflicte aínda as eivas do sistema no país, que non é outro que a achega económica das administracións autonómicas ao sistema de dependencia. Neste caso, e con datos referidos ás estimacións de 2011, Galicia achega 92,16 euros por habitante e ano, moi lonxe da media estatal, de máis de 124 euros, e lonxe tamén dos máis de 200 euros da Rioxa ou Cantabria.
Ademais, Galicia aproba no código de boas prácticas e na implantación do sistema de información en tempo real, aínda que o Ditame destaca que a comunidade non conta cun seguemento sistematizado.

Unha muller en situación de dependencia, en cadeira de rodas © ensociedad.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.