Galicia volveu ser vangarda nas mobilizacións. Como xa ocorrera nas protestas do pasado 29 de marzo contra a reforma laboral durante a xornada da última folga xeral, as rúas do país volveron ser das máis ateigadas do conxunto do Estado. Destácano outra vez os titulares de varios medios, que insisten no éxito dunhas marchas que superaron as expectativas. En pleno mes de xullo e nun día de praia.
E unha vez máis, Vigo e A Coruña lideraron a indignación galega. E outra vez, á habitual masiva afluencia na cidade obreira do sur uniuse unha espectacular seguimento na urbe herculina, que xa destacara nas manifestacións do pasado mes de marzo. Segundo os sindicatos, en Vigo puidéronse xuntar preto de 100.000 persoas fronte ás 70.000 da Coruña. Para a Policía Local, o dato non se rebaixa moito (60.000 e 50.000, respectivamente), o que dá conta do éxito das mobilizacións. Pensemos que, por exemplo, e tendo en conta o número achegado polas autoridades, un de cada dez habitantes de toda a área metropolitana coruñesa estaría presente na protesta deste xoves. Os datos, en comparación porcentual con outras cidades do Estado, deixan ben ás claras o músculo mostrado polos sindicatos e a sociedade civil en xeral nas rúas do país. Os convocantes falan de 350.000 persoas na rúa en toda a comunidade.
Os sindicatos falan de 170.000 persoas na rúa tan só entre Vigo e A Coruña e 350.000 en toda Galicia
Tampouco quedaron atrás localidades como Ferrol que, golpeada ademais de pola crise pola falta de carga de traballo no naval, sacou á rúa unhas 40.000 persoas de toda a comarca. Tamén foron históricas as marchas que percorreron cidades como Ourense (fálase de 25.000), Pontevedra (20.000), Lugo (10.000) ou Santiago (40.000). Na capital galega, a espectacular afluencia de cidadáns provocou que se tivese que cambiar o escenario final da protesta por unha praza máis grande para dar cabida a toda a marea humana presente. Tamén houbo unha afluencia masiva en Vilagarcía ou en Burela.
Os recortes sufridos polos galegos desde hai xa anos e a fortaleza do sindicalismo nacionalista en Galicia explican o éxito
Tal e como ocorrera en marzo, son varias as causas que explican este éxito mobilizador en Galicia, que viviu manifestacións históricas. Unha delas, o feito de que a sociedade galega leve xa anos sufrindo os recortes aplicados polo PP e un crecemento do paro superior á media. Pero tamén, como recoñece a clase política, a fortaleza do sindicalismo nacionalista, que se une así á potencia mobilizadora de CCOO e UGT. Ademais, a unidade de acción sindical acordada polas tres principais centrais galegas -ás que se uniron USO ou CSIF tamén nas marchas- contribuíu e moito a canalizar como poucas veces unha indignación que promete aumentarse nos vindeiros meses.
Cunha folga xeral convocada xa polos sindicatos nacionalistas en Euskadi e Navarra, todo parece indicar que o paro será a seguinte mobilización ante a dura política de axustes e recortes do Goberno do PP. Daquela, Galicia intentará volver ser vangarda.