Galiza Ano Cero: xa está aquí a televisión feita "dende abaixo, á esquerda"

Captura de pantalla da web Dominio Público Galiza, Ano Cero

A canle de televisión por internet Galiza Ano Cero comezou este venres a súa primeira tempada de emisión, despois de que nos últimos meses fose difundindo algúns contidos en forma de material piloto, e en paralelo ao proceso de consecución do financiamento a través dunha campaña de crowdfunding. Inaugura a emisión continuada de contidos, e tamén a súa nova web.

A partir desta semana, cada xoves ás 22.00 horas haberá un novo programa dispoñible, alternando semana a semana debates e entrevistas en profundidade. Este xoves poderase ver o debate Parlamentos. Para que?

Este venres pola noite emitiuse a entrevista realizada ao sociólogo e autor do libro Hipótesis Democracia (Traficantes, 2013), Emmanuel Rodríguez, do que, ademais ofrécese a tradución ao galego dun dos capítulos da obra. Por suposo, a entrevista, ao igual que o resto dos contidos pode verse en calquera momento. A partir desta semana, cada xoves ás 22.00 horas haberá un novo programa dispoñible, alternando semana a semana debates e entrevistas en profundidade. Este xoves poderase ver o debate Parlamentos. Para que?

O novo web quere ser, segundo os seus responsables, "un espazo de difusión, transparencia e participación", e de feito as persoas asociadas á asociación cultural Galiza Ano Cero, aquelas persoas que apoiaron economicamente o proxecto, poderán publicar contidos no web, como xa empezaron a facer.

En cada un dos contidos publicados indícase a porcentaxe do traballo que foi remunerado, e a parte que correspondeu a traballo voluntario. Por exemplo, na entrevista realizada a Emmanuel Rodríguez sublíñase que o 70% das horas foron de traballo non pagado e animan os usuarios a "axudar a mellorar estes índices", asociándose ou contribuíndo ao financiamento do canal cunha microdoazón. Dende Galiza Ano Cero afírmase que "as microdoazóns, mediante o botón rápido de 90 céntimos, van ser o mascarón de proa da política coa que queremos financiar o canal".

Outros dos contidos que se poden ver na web son a entrevista a Boaventura de Sousa: "A democracia representativa está historicamente liquidada" ou o debate Que democracia?, con Manuel M. Barreiro, Alba Nogueira, Lola Ferreiro e Xosé Manuel Pereiro. Tamén se poden ler outras colaboracións, coma a que asina Manuel Barreiro sobre o décimo cabodano da morte de Manuel Vázquez Montalbán.

 

Entrevista a Emmanuel Rodríguez

O sociólogo madrileño Emmanuel Rodríguez forma parte do Observatorio Metropolitano de Madrid e foi un dos fundadores de Universidad Nómada e o proxecto Traficantes de Sueños. A conversa que o equipo de Galiza Ano Cero mantivo con el xira arredor do seu último libro, Hipótesis Democracia. Quince tesis para una revolución anunciada.

Rodríguez destaca que "a esquerda abandonou todos os proxectos de transformación política, máis centrada en manter o Estado de Benestar e os vellos marcos de regulación do Estado nacional" e que cando se atopan cos movementos de radicalización democrática, necesariamente transnacionais, "a esquerda zozobra". Comenta igualmente que esta mesma esquerda deixara a un lado os debates sobre a toma do poder, centrándose en ámbitos de transformación máis acoutables, e engade que agora se volven abrir eses debates, e a necesidade de reflexionar sobre a forma de organización do Estado.

"Dado que o noso tempo é limitado e que non sabemos cara a onde van evolucionar as distintas forzas, debemos armar todas as preguntas e todas as respostas prácticas ao máximo nivel que poidamos"

Rodríguez alerta de que a oportunidade aberta en España pola crise de réxime non vai estar aberta eternamente, o que incrementa a urxencia dunha articulación política da maioría agredida. Tamén advirte de que esta clausura se pode producir para dar paso a respostas populistas, ou mesmo a unha restauración completa do status quo. En consecuencia, considera que "en tempos excepcionais debemos estar abertos a posibilidades excepcionais: á entrada de novos actores, a ideas novas, dado que o noso tempo é limitado e que non sabemos cara a onde van evolucionar as distintas forzas, debemos armar todas as preguntas e todas as respostas prácticas ao máximo nivel que poidamos".

Captura de pantalla da web Dominio Público Galiza, Ano Cero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.