Galiza Contrainfo recada en tres días os mil euros que necesitaba

Galiza Contrainfo CC-BY-NC Praza Pública

"O noso proxecto ten un problema de sustentabilidade económica, poi entre os gastos de aloxamento da páxina e as multas que a Subdelegación do Goberno de Pontevedra puxo a catro das nosas compañeiras por cubrir manifestacións, levamos meses arrastrando unha débeda importante. Necesitamos a vosa axuda e colaboración para continuar a estar presentes, para continuar co noso proxecto na rede e melloralo". Así explicaban as responsables de Galiza Contrainfo hai uns días as razóns polas que necesitaban pedirlle axuda á comunidade para asegurar a súa continuidade.

Galiza Contrainfo, para quen non os coñeza, é un colectivo de persoas que levan anos traballando para dar cobertura e difusión "a aquelas realidades que os medios de comunicación empresariais silencian ou distorsionan" e reafirmando a idea de que "cremos na necesidade de crear espazos de comunicación alternativa que acompañen os movementos sociais do noso país". Pero aínda que o proxecto se constrúe sobre o traballo voluntario de varias persoas, iso non quere dicir que sexa de balde, cando menos no que respecta ás cuestións técnicas e outros incidentes.

1.080 euros en tres días, abondo para seguir adiante co proxecto e melloralo, para que Galiza Contrainfo siga sendo esa "peza necesaria na construción dun espazo comunicativo galego"

Decidíronse a lanzar unha campaña a través da plataforma catalá de crowdfunding Verkami, onde fixaron un obxectivo de mil euros, que debían acadar en corenta días. Ofrecían, para as persoas que quixesen apoiar a iniciativa, unha serie de recompensas, dende postais e chisqueiros, a camisolas e tamén libros, filmes e discos cedidos polos seus autores (Marcos Nine, María Lado, Mario Regueira, Sechu Sende, Skárnio, Roger de Flor, Alberte Momán, Andrea Núnes Brions, Begoña Caamaño, Berrobambán,  Ataque Escampe, Dandy Fever, Dakidarría, Zënzar...).

E así foi o conto: 1.080 euros en tres días, abondo para seguir adiante co proxecto e melloralo, para que Galiza Contrainfo siga sendo esa "peza necesaria na construción dun espazo comunicativo galego que foxa da información como espectáculo e do coñocemento como mercadoría".

Galiza Contrainfo CC-BY-NC Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.