GMST esixe a desconexión de TVE en Galicia durante a emisión de touradas

Cámara de TVE nunha praza de touros © RTVE

"É moi paradoxal que unha nena ou un neno non poidan ver un contido de ficción máis ou menos violento pero si poidan contemplar un evento real de tortura e crueldade cos animais". É o o argumento no que a plataforma Galicia, mellor sen touradas (GMST) apoia a súa reivindicación de que as emisións Televisión Española sexan desconectadas en Galicia cando a canle pública estatal emita espectáculos taurinos, tal e como prevé facer en vindeiras datas. O colectivo en defensa dos animais vén de elevar esta proposta ao Parlamento de Galicia para que este faga o propio con TVE.

En conversa con Praza o voceiro de GMST, Rubén Pérez, explica que, no caso galego, nin sequera é posible aludir á audiencia televisiva para ofrecer este tipo de eventos por televisión. "Non hai ningún tipo de demanda social e ademais estase a incumprir o horario e protección infantil", sinala Pérez, quen lembra que a Lei Xeral do Audiovisual, do ano 2010, estipula que "tería que haber un organismo independente" que tomase este tipo de decisións, "pero non existe". Polo tanto, lamenta, ata o momento o único que impera é se a "polémica" pesa sobre a "autorregulación" da canle.

"É paradoxal que os nenos e nenas non poidan ver contidos de ficción violentos pero si un evento real de tortura e crueldade"

Neste contexto, Rubén Pérez explica que nas "negociacións" entre as empresas taurinas e TVE non se teñen en conta só os aspectos derivados da propia retransmisión ou "gastos de representación e imaxe". "Eles [os taurinos] queren unha contraprestación en forma de difusión das touradas nos informativos" algo que é "bastante grave", xulga, xa que se trata dos espazos de novas "dunha corporación pública". Isto, abonda, daríalle maior difusión en Galicia a un espectáculo que tivo unha audiencia de apenas un 6% "a última vez que se emitiu".

A reclamación de GMST vai no mesmo sentido que a formulada polo Consell de l'Audiovisual de Catalunya ou por un senador das Canarias no Senado. Coa suspensión da emisión non só se protexería a poboación infantil, di Rubén Pérez, senón que se neutralizaría "un novo ataque do lobby taurino para tentar ofrecer unha imaxe distorsionada do que está a suceder". As touradas, explica, "realmente están en retirada" e "non só en número de festexos, senón tamén de asistentes". Como mostra, subliña, abonda ver "o último fracaso colleitado na Coruña", onde a empresa responsable "nin sequera garante que poida haber touradas un ano máis". Mentres, salienta, "o apoio social á abolición" non fai máis que medrar.

Cámara de TVE nunha praza de touros © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.