Gondomar elimina tres sinais de tráfico en galego despois de que a Valedora indicase que debían ser bilingües

Os dous sinais, agora só en castelán © Concello de Gondomar

O pasado mes de xuño dous gardas civís do cuartel de Gondomar denunciaron o Concello pola existencia no termo municipal de tres sinais de tráfico rotuladas unicamente en galego, entendendo que isto incumpría a lei, que obriga a que estes indicadores figuren nas dúas linguas oficiais de Galicia. Durante meses o Goberno local fixo caso omiso á protesta dos axentes e o rexedor Francisco Ferreira (PSdeG-PSOE) chegou a cualificar a denuncia de "atentado contra a lingua" e sinalaba que o cambio da sinalización para non era "unha prioridade" e que había "cousas máis importantes". Con todo, si encargou un informe aos servizos xurídicos do Concello. 

Posteriormente, a cuestión chegou tamén á Valedora do Pobo, que tivo que responder a dúas queixas, unha pola ausencia de tradución ao castelán destes tres sinais e outra, da Mesa pola Normalización Lingüística, en referencia ás denuncias presentadas pola Garda Civil. Na súa resposta, Milagros Otero Parga, informaba de que o Concello de Gondomar lle comunicara a súa intención de modificar a sinalización. "A alcaldía confirma que o texto está só en galego, polo que en próximas datas procederase a modificalos co obxecto de dar cumprimento á normativa vixente", sinalaba o escrito da Valedora.

Os tres sinais que anteriormente estaban só en galego foron substituídos por tres sinais exclusivamente en castelán

Esa normativa á que aludía a Valedora é o artigo 138 do Real Decreto 1428/2003 de aplicación e desenvolvemento da Lei sobre Tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. O texto legal indica que “as indicacións escritas que se inclúan ou acompañen aos paneis de sinalización das vías públicas e inscricións figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade”. É dicir, que deben figuran en castelán e galego.

Porén, poucos días despois os tres sinais que anteriormente estaban só en galego foron substituídos por tres sinais exclusivamente en castelán, que incumpren o artigo 138 na mesma medida. Os rótulos, nos que se pode ler "excepto usuarios polígono" e "excepto profesorado/personal y vehículos autorizados" xa foron criticados por Gondomar Concello Aberto (CABE), que manifestou o seu "estupor e repulsa antes estes feitos ante esta nova agresión gratuíta e sen fundamento á lingua galega". A formación afirma que "os sinais levaban case dúas décadas sen que orixinaran ningunha controversia ou prexuízo a ninguén" e ironiza con que "a menos que Gondomar estea fora de Galiza, a retirada do idioma galego dos sinais é claramente ilegal, faise vulnerando a norma. Polo que é radicalmente falso que o goberno municipal estea cumprindo a lei ao establecer o uso exclusivo do español nos sinais". CABE sinala finalmente que "estamos ante unha proba máis da falla do apoio decidido polo uso e normalidade do galego do goberno municipal" e exixe "a reposición inmediata do galego nos sinais que foron suprimidos polo goberno municipal".

"Ante a confusión xerada ao respecto, a institución do Valedor do Pobo quere aclarar que en ningún momento, no marco desta actuación, se defendeu a rotulación única en castelán nin a eliminación dos textos en galego"

Á polémica uniuse este mesmo luns a propia oficina da Valedora do Pobo, que a través dunha nota de prensa indicou que "a aplicación da normativa específica, neste caso, pasa pola inclusión dos textos dos sinais nos dous idiomas cooficiais en Galicia, o galego e o castelán, para aplicación da regulación de tráfico" e que "ante a confusión xerada ao respecto, a institución do Valedor do Pobo quere aclarar que en ningún momento, no marco desta actuación, se defendeu a rotulación única en castelán nin a eliminación dos textos en galego". Informa, ademais, de que se poñerá en contacto este luns coa alcaldía de Gondomar para que lle informe do actuado e trasladarlle esta necesidade de rotular nos dous idiomas os sinais afectados.

 

A Mesa pide a dimisión da Valedora por alentar as formas deturpadas dos topónimos

A pasada semana a Mesa esixiu a dimisión da Valedora do Pobo "por un novo desprezo por parte da responsábel desta institución ante a vulneración de dereitos lingüísticos"

A pasada semana a Mesa pola Normalización Lingüística esixiu a dimisión da Valedora do Pobo "por un novo desprezo por parte da responsábel desta institución ante a vulneración de dereitos lingüísticos". A crítica da Mesa referíase sobre todo a un parágrafo da resposta de Milagros Otero Parga na que indicaba que "os núcleos de poboación e demais topónimos serán designados na súa denominación oficial e, cando fose necesario a efectos de identificación, en castelán". A Mesa lembraba que esta respostada da Valedora "atenta contra o artigo10 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística que especifica que 'Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega'”. A entidade lingüística sinalaba que "esta é unha nova mostra de desprezo e racismo lingüístico da responsábel da institución, pois xa se  produciron casos de vulneracións de dereitos lingüísticos que, lonxe de ser investigados pola Valedora, contaron co seu amparo".

Este luns, nunha nova nota de prensa, a Mesa acusou a Valedora de "empregar a institución para desprezar a lingua e darlle amparo aos casos de vulneración de dereitos lingüísticos", culpándoa de "promover a desaparición do galego dos sinais de tránsito en Gondomar".

 

Outras polémicas coa Garda Civil de Gondomar

O pasado ano o máximo responsable da Casa Cuartel de Gondomar foi denunciado por negarse a atender en galego a un veciño da vila

O actual conflito dos sinais ten a súa orixe nunha denuncia de dous axentes da Garda Civil de Gondomar. Non é, ademais, a primeira polémica lingüística que rodea esta institución na localidade. O pasado ano o máximo responsable da Casa Cuartel e un axente foron denunciados por negarse a atender en galego a un veciño da vila, ao que instaron a "falar en español"; ante a súa negativa a deixar de falar en galego recomendáronlle dirixirse á Policía Local. O caso chegou a ser tratado polo Defensor del Pueblo, que recordou o "deber legal de procurar que os postos de atención ao público e de recepción de denuncias nas dependencias da Garda Civil da Comunidade Autónoma de Galicia" sexan desempeñados "por funcionarios que coñezan a lingua galega".

 

Sinal situado á entrada do IES Terra de Turonio © Google Maps
Sinal situada na entrada da área industrial de A Pasaxe © Google Maps
Os dous sinais, agora só en castelán © Concello de Gondomar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.