Greenpeace vincula unha empresa galega coa importación de madeira ilegal

Talla ilegal de madeira en Camerún © Greenpeace

Un detallado informe realizado por Greenpeace en Bélxica, Holanda e España e froito dunha investigación de varios meses en Camerún sinala varias empresas implicadas na importación de madeira de orixe ilícita e sospeitosa de ser pinchada ilegalmente. Son 14 as firmas que, segundo o grupo ecoloxista, estiveron "involucradas"  no comercio desta madeira, unha delas a galega Maderas Rías Baixas SL, con sede en Ourense. O resto, cinco compañías belgas, sete holandesas e unha española. 

Greenpeace sinala 14 madereiras, unha delas galegas, pola importación de madeira de orixe ilícita desde Camerún

Segundo a investigación, durante 2015 esta empresas estiveron vinculadas no comercio de madeira da compañía de Camerún de Camerún CCT (Compagnie de Commerce et de Transport), firma que merca e exporta madeira procedente de madereiras ivolucradas na talla ilegal. 

Foron varias as institucións internacionais que "puxeron en evidencia" desde hai tempo o sector forestal de Camerún pola súa relación con escándalos, casos de corrupción e corta ilegal. Greenpeace céntrase nas empresas españolas (Rías Baixas e Maderas Medina) e cre que "teñen o deber de suspender inmediatamente as súas relacións coa firma camerunesa CTC ata que esta compañía poida garantir a legalidade da orixe da madeira". Así o asegura Miguel Ángel Soto, responsable da Campaña de Bosques de Greenpeace España. "E a continuación deben avaliar convenientemente os riscos de importar madeira ilegal, mitigar os devanditos riscos e, chegado o caso, suspender calquera operaicón comercial que non garanta a orixe legal da madeira", di. 

"As empresas deben suspender xa as súas relacións coa firma CTC ata que se garanta a legalidade da orixe da madeira"

Greenpeace lembra, ademais, que este novo caso "deixa en evidencia outra vez o Goberno Español", a quen a Comisión Europea xa chamou a atención coa apertura dun proceso de infracción por non facer efectivo o regulamento que prohibe a entrada de madeira ilegal no Estado. De feito, no pasado xuño, a Comisión emitiu unha carta de emprazamento polo incumprimento da Lei de Madeira, o Regulamento de Dilixencia Debida. Segundo esta normativa, as compañías están "obrigadas a tomar medidas para evitar o risco de introducir no mercado europeo madeira ilegal, mentres que a autoridade competente (en España o Ministerio de Agricultura, Alimentaicón e Medio Ambiente) ten o deber de facer cumprir estritamente a lexislación". 

Árbores pinchadas en Camerún © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.