En marzo do pasado ano comezaron as obras de construción da planta incineradora de Zubieta, destinada a xestionar os residuos de toda a provincia, particularmente os da capital, Donostia, da que se sitúa a escasos quilómetros. A iniciativa espertou a protesta cidadá, e de forzas políticas como Bildu, Aralar ou Alternatiba, tanto polos prexuízos directos que podía causar na zona, como polo modelo de xestión de residuos escollido, que consegue a recuperación de menos do trinta por cento do lixo, no mellor dos casos. A planta tiña prevista a súa entrada en funcionamento en 2014, pero a vitoria electoral de Bildu nos comicios locais e forais de maio cambiou todo, ao facer co goberno da capital da provincia e das Xuntas Xerais de Guipúscoa.
Algúns concellos como Usurbil, Hernani, Oiartzun e Antzuola apostaron de inmediato polo sistema alternativo de recollida porta a porta dos residuos, e a semana pasada uníronse a esta iniciativa outros 34, entre eles Pasaia, Arrasate, Tolosa, Legazpi, Azpeitia, Bergara, Villabona, Zarautz ou Oñati, gobernados por Bildu. Este sistema, fronte á incineración ou a compostaxe, consegue a recuperación do 80% dos materiais e é defendido por distintas plataformas e colectivos en todo o Estado, por exemplo en Catalunya. En Catalunya máis de oitenta concellos xa funcionan con este sistema.
A decisión de cambiar incineración por recollida porta a porta provocou xa críticas en PP, PNV e PSOE, que denuncian o "elevado custe", cualifican a medidad de "aventura revolucionaria" e afirman que Bildu pretende implantar "policías que focen" no lixo dos veciños, para comprobar se se separan ben os residuos.
Os partidarios do sistema defenden que o sistema é máis eficiente, non só pola maior taxa de recuperación de residuos, senón porque as cidades quedan máis limpas e se recupera espazo público (pola eliminación dos contedores), aumenta a corresponsabilidade dos cidadáns, e, finalmente, diminúe o custe da reciclaxe e aumentan os seus beneficios económicos, polo que o saldo económico final é máis favorables que nos outros sistema. Entre os prexuízos deste sistema está un lixeiro aumento inicial dos custes de recollida (un 20%), que a recollida do lixo ten que facerse nun horario prefixado e que os residuos teñen que permanecer nas casas até a hora da recollida.