'Gústame o galego' e Kalandraka: cando a lingua galega é o premio

O plantel do Celta, no 'photocall' de Gústame o galego cunha senlleirísima compaña CC-BY-SA Gústame o galego

En tempos de recortes e desprotección legal non todo son malas novas para a lingua galega. O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua vén de anunciar que a Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) e a Editorial Kalandraka van recibir neste 2013 o premio Xoán Manuel Pintos, o galardón creado para "manter viva a memoria" do escritor e xurista que recoñece o "labor de impulso" do idioma que realizan entidades e asociacións do país.

O xurado do premio, do que forman parte o concelleiro de Normalización de Pontevedra, Demetrio Gómez e entidades como a Aula Castelao de Filosofía, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou Praza Pública, entre outras, resolveu por unanimidade a concesión destas galardóns para premiar, no caso da CTNL, a iniciativa Gústame o galego, que percorre o país dende hai meses. A campaña, di o xurado, transmite unha "mensaxe positiva a prol do galego" e ten ademais un carácter "social", permitindo facer visibles "os apoios individuais ao uso da lingua", ligando ademais "o idioma galego coas redes sociais e internet". Coa distinción o premio mostra ademais o seu "apoio aos servizos de normalización lingüística municipais, que sufriron fortes recortes e desapareceron nestes últimos anos".

O xurado destaca a "mensaxe positiva" a prol do galego e "facer da lingua galega" o "idioma da descuberta do mundo para os lectores e lectoras máis pequenos"

Pola banda da editorial Kalandraka o xurado do Xoán Manuel Pintos considera que é merecente do galardón por "unir a lingua galega a produtos excelentes, escritos e ilustrados por profesionais de Galicia", ademais de "traducir á lingua galega o traballo dos mellores creadores e creadoras" do estranxeiro". O "compromiso" da editorial co idioma galego é "tan forte que supera o ámbito empresarial e traspasa as fronteiras galegas" e, ademais, "chega directamente ás familias, facendo normal que o galego sexa lingua da imaxinación, da fantasía, dos soños e da descuberta do mundo para as lectoras e lectores máis pequenos", tanto dende a edición de libros como dende o fomento da lectura.

Os premios, que serán entregados nun acto público o vindeiro día 28 en Pontevedra, non teñen unha dotación económica, senón que se centran en destacar publicamente o labor das entidades galardoadas. Con esta fin, a CTNL e Kalandraka recibirán un pergameo acreditativo e "poderán reflectir na súa actividade normal a posesión desta distinción.

Libro de Kalandraka © Kalandraka
Imaxe dos premios © Concello de Pontevedra / REAL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.